A Corporación aprobou este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria, a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2020. A proposta recibiu o voto favorable do Grupo de Goberno e de Compostela Aberta, e contou coa abstención de PP e BNG.
A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, foi a encargada de explicar esta modificación de ordenanzas, na que destaca a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes.
O período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos. A concelleira explicou que estas bonificacións son consecuencia do compromiso do Goberno municipal coa implantación de novas actividades económicas, en particular dos sectores das biotecnoloxía e da madeira, e das novas tecnoloxías; que xeren emprego indefinido e de calidade.
IBI
No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles), modifícase o tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.
No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles titularidade de corporacións de dereito público nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación.
IAE
No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.