28/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta hoxe en rolda de prensa dos acordos adoptados na última sesión da Xunta de Goberno local, entre os que destaca a toma de coñecemento da resolución conxunta do Concello e Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), pola que se aproba a convocatoria dunha consulta aberta para a despregadura de redes de telecomunicación baseadas en fibra óptica no conxunto histórico da cidade. Entre outros asuntos, acordouse tamén a substitución de nove autobuses urbanos.
A Xunta de Goberno local tomou coñecemento da resolución conxunta da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e o Concello pola que se aproba a convocatoria dunha consulta aberta para a despregadura de redes de telecomunicación baseadas en fibra óptica no conxunto histórico da cidade.
Esta convocatoria xorde a raíz da Guía de boas prácticas para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia: un primeiro catálogo, no que colaboraron ambas institucións, de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos de alto valor patrimonial.
Este catálogo analiza o caso de Santiago e define unha serie de propostas para a instalación da fibra óptica que permitan compatibilizar a protección do patrimonio coa despregadura con trazado por cornixa, o soterramento ou a través das redes de saneamento.
Neste contexto, unha vez obtida a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio sobre as solucións incluídas na guía, e co obxecto de coñecer as posibilidades de execución dos eventuais despregamentos, resulta necesario, indicou o alcalde, dirixir consultas aos operadores económicos para coñecer de xeito preciso o seu interese neste despregamento a través das solucións recollidas na guía e en que condicións técnicas e económicas se podería realizar. O prazo de presentación de propostas comezará ao día seguinte da publicación da resolución na páxina web de AMTEGA e terá unha duración máxima de 2 meses.