O alcalde aposta por axustar o mapa escolar para reducir a maior presión de poboación infantil no sur da cidade

Información
Santiago | 26 Agosto 2019 | 1397 votos Regístrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, realizou unha visita ao CEIP Lamas de Abade coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. O organismo autonómico está a executar no centro un novo edificio para 150 alumnas e alumnos.

 

A ampliación do CEIP Lamas de Abade vén a constatar unha realidade da que deron conta tanto o alcalde como a conselleira, que é o desprazamento de poboación infantil cara o sur da cidade en detrimento do norte. "No cómputo global non hai incremento de alumnado na cidade, pero temos un problema de desprazamento cara o sur, con colexios de máis de 400 alumnos/as", dixo, citando colexios con problemas de espazo como Quiroga Palacios, Roxos-Villestro ou Ramón Cabanillas.

Fronte a isto, apuntou Sánchez Bugallo, "o máis correcto é axustar o mapa escolar; senón habería que pensar noutras fórmulas. Tamén a conselleira de Educación é partidaria deste "reaxuste" para "reducir a presión cara o sur".

Sobre a obra no CEIP Lamas de Abade, Carmen Pomar indicou que "vai ben e en tempo", coa confianza de que "o curso comece sen incidencias en relación ás interferencia da obra na actividade lectiva". A nova edificación, destinada a aulario de Infantil, contará cunha superficie total construída de 831,7 metros cadrados, con 6 aulas con aseo no seu interior, unha sala de usos múltiples, unha aula de apoio educativo, unha aula exterior e un patio cuberto, así como con distintas salas de usos tanto administrativos como para as instalacións, almacenaxe e limpeza.

Para conectar o novo edificio co actual, a actuación inclúe a construción dunha pasarela acristalada, polo que haberá que abrir o pertinente oco na fachada existente para a instalación dunha porta de paso entre ambos espazos, así como reestruturar unha das aulas da planta baixa para xerar un novo corredor de acceso á pasarela.

Ademais, prevese a instalación dun novo ascensor no edificio xa existente, a ampliación da zona cuberta do patio e a conexión do novo aulario co parque infantil e co patio cuberto a través de ramplas e escaleiras


TAMBIÉN LE PUEDE INTERESARlineaazul 1600