Información
Portada

150 persoas representarán a Galicia no I Festival Marítimo de Pasaia

Información
12 Mayo 2018 1546 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Vinte embarcacións mariñas e dúas fluviais; un espazo expositivo en terra composto por seis haimas e 200 metros cadrados ao aire libre; mostras, obradoiros de oficios tradicionais, música en vivo e showcookings. É o resumo da delegación que a vindeira semana, do 17 ao 20 de maio, se encargará de dar a coñecer en Euskadi a riqueza e diversidade da cultura tradicinal galega máis ligada ao mar e aos ríos.

Delo encargaranse as 150 persoas que representarán a Galicia, a través de Culturmar, no I Festival Marítimo de Pasaia. Unha festa creada a semellanza do Encontro de Embarcacións Tradicionais que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial organiza bianualmente dende hai xa un cuarto de século; que dará a oportunidade de visibilizar en terras vascas todo o que Galicia ten que ofrecer como destino turístico.

Ata Pasaia mobilizaranse 17 dos colectivos pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial integrados en Culturmar. Con eles irá unha representación das diversas tipoloxías de embarcacións representativas do litoral galego; que, dende o xoves e ata o domingo, converterán a enseada de Pasaia nun auténtico espectáculo de velas despregadas. Pero o obxectivo vai moito máis aló da exhibición da flota galega e a navegación; pois trátase de ofrecer ao público de Pasaia unha visión global da riqueza sociocultural, etnográfica e gastronómica de Galicia, así como do seu vasto patrimonio natural.

Galicia: un patrimonio a descubrir, un patrimonio a salvagardar” é o título baixo o que carpinteiros de ribeira, redeiras, palilleiras e zoqueiros amosarán en vivo a arte dos seus oficios. Ao tempo que dende os postos institucionais se promocionan as posibilidades turísticas da Galicia máis vencellada á tradición, a natureza, o mar e os cauces fluviais. Todo, aderezado coas degustacións de conservas e outros produtos do mar e as sesións de cociña en vivo que, dende o espazo gastronómico, porán en valor os sabores dos fogóns galegos.

Celebración das Letras coa comunidade galega de Trintxerpe

Cabe destacar que en Pasaia e, máis concretamente, en Trintxerpe, habita unha das comunidades de galegos fóra de Galicia máis importantes do estado español. Alcumada a quinta provincia galega, agromou vinculada ao auxe da pesca industrial; e foi tamén referente no tocante á súa actividade cultural. Ese colectivo será de especial relevancia o día 17; para cando está prevista unha celebración do Día das Letras Galegas, impulsada por Culturmar e pola asociación local Fato Daniel Castelao.

Da man de Culturmar, convidada especial deste festival de Pasaia, chegarán a Galicia as aportacións da Consellería do Mar, as Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e da Mancomunidade Arousa Norte, que colaboran coa expedición.

Cabe lembrar que as coincidencias entre os movementos pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo tradicional galego e euskaldún remóntanse xa anos atrás. E é que a asociación Albaola Itsas Kultur Faktoria; un colectivo que actualmente traballa na construción da réplica dunha nao baleeira do século XVI; é xa unha vella coñecida, asidua participante do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Foi precisamente o XIII Encontro celebrado o pasado verán en Combarro o que serviu de exemplo para o I Festival Marítimo de Pasaia. E é que, co obxectivo de tomar ideas do consolidado modelo galego, ata alí se desprazou unha ampla delegación institucional vasca; integrada polo Concello de Pasaia; a Deputación de Guipuzkoa; e a mancomunidade de municipios costeiros Oarsoaldea, que forman Errentería, Oiartzun, Lezo e Pasaia. Unha colaboración que se verá materializada nuns poucos días na gran festa do mar do municipio guipuscoano.

Otros articulos relacionados.....