Información
Portada

Carballo lembra ao ilustre Alfredo Brañas no 159 aniversario do seu nacemento na nosa vila

Información
12 Enero 2018 3000 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1
O acto celebrouse xunto á escultura de Alfredo Brañas e á súa casa natal

O acto celebrouse xunto á escultura de Alfredo Brañas e á súa casa natal

Hoxe cumpríronse 159 anos do nacemento de Alfredo Brañas na nosa vila, e o carballés máis ilustre foi lembrado e homenaxeado por iniciativa dunha plataforma cidadá que, como indicou o seu portavoz, José Manuel Cameán, reivindica a conservación da casa natal do Fillo Predilecto de Carballo para convertela nun museo que poida albergar o seu legado. Segundo comentou, o herdeiro, Santiago Alfredo González-Brañas Barreiro, está convencido de que se o seu tío-avó estivese vivo “querería que o seu legado viñese para Carballo”.

 

A homenaxe rematou cunha ofrenda floral

A homenaxe rematou cunha ofrenda floral

Cameán abriu un sinxelo acto de lembranza que se celebrou ao pé da casa natal de Alfredo Brañas, que alberga hoxe o establecemento hostaleiro O Mexillón, e xunto á escultura realizada no ano 2004 polo artista César Lombera, como apuntou o alcalde. Evencio Ferrero destacou a importancia de valorar o pasado para avaliar o presente, e nese sentido destacou a sensibilidade desta nova plataforma cidadá. Por iso recolleu a proposta e comprometeuse a estudar a súa viabilidade, xa que a casa natal de Alfredo Brañas atópase nun solo cunha determinada clasificación, tal como se decidiu, por unanimidade, na aprobación provisional do PXOM. “Faremos o posible para que a casa natal de Alfredo Brañas sexa patrimonio de todos os cidadáns galegos, non só de Carballo, porque é verdade que neste país hai que valorar máis as figuras que nos dan identidade e que fixeron as súas achegas para interpretar Galicia como territorio”, manifestou o alcalde.

Tamén participou no acto o cronista local Xan Fraga, que lembrou o Carballo da época de Alfredo Brañas e desvelou algúns aspectos pouco coñecidos da súa figura, como que foi “o gran promotor de que Rosalía inaugurase o que despois se chamou Panteón de Galegos Ilustres”, no que el sería o segundo e recibir sepultura. Tamén destacou que existe unha parte importante de obra sen publicar e que, a nivel local, Alfredo Brañas “axudounos a transmitir a imaxe de Carballo por todo o mundo”.

O acto rematou unha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego.

Otros articulos relacionados.....