Imprimir

Un estudo profunda sobre a alimentación na Prehistoria

Información
Portada | 28 Abril 2020 | 19932 votos - Registrese para votar
social youtube xornalgalicia   feed-image
Cerámica analizada procedente do xacemento francés de Verson. Foto: Annabelle Cocollos
Cerámica analizada procedente do xacemento francés de Verson. Foto: Annabelle Cocollos
O proxecto de investigación europeo liderado por Miriam Cubas e ao que o grupo GEPN-ATT da USC contribuíu coa achega do vaso achado en Cova Eirós, revela que o consumo de lácteos entre as primeiras poboacións campesiñas de Europa era moi desigual

A USC participa nunha investigación internacional sobre prácticas culinarias de sociedades prehistóricas que revela que o consumo de lácteos entre as primeiras poboacións campesiñas de Europa era moi desigual. Os resultados das pescudas desenvolvidas por un equipo liderado pola pola investigadora Miriam Cubas (Universidade de York-Universidade de Oviedo), que recuperou e analizou residuos das actividades culinarias en olas usadas polas sociedades prehistóricas de fai 7.500-5.500 anos, veñen de ser publicados Nature Communications.

A principal achega feita pola USC no marco deste proxecto europeo reside na colaboración prestada polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NO Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT), coordinado polo catedrático Ramón Fábregas Valcárcel, que achegou para incluír no estudo das 240 recipientes analizados, o vaso de cerámica cardial achado en Cova Eirós (Triacastela, Lugo). A análise desta peza e dos lípidos que contén permite concluír que foi empregada para o procesado e a de vexetais e carnes de ruminantes, un dato que achega aos investigadores aos costumes alimentarios das primeiras sociedades agricultoras e gandeiras da costa atlántica do continente europeo.

A análise química dos restos de graxas de animais, cera das plantas, aceites de peixe e resinas preservados nas cerámicas prehistóricas permitiu ao equipo da doutora Miriam Cubas explorar os distintos usos destes recipientes por parte das comunidades neolíticas, e particularmente a súa relación coas actividades agrícolas e gandeiras. Os resultados reflicten unha gran variación no uso das cerámicas entre estas comunidades. De feito, entre os recursos identificados, cómpre destacar os produtos lácteos, cuxa presenza se incrementa cara á zona norte de Europa, a rexión atlántica francesa e as Illas Británicas.

Os autores deste ambicioso proxecto de investigación europeo conclúen que estas diferenzas poden estar relacionadas coas diferentes actividades gandeiras, cunha maior presenza do gando vacún no norte e unha gandaría centrada nas ovellas e as cabras, no sur de Europa. Na Península Ibérica, estas prácticas culinarias dan conta da importancia dos recursos cárnicos procedentes dos animais domésticos (ovella e cabra) que se introducen neses momentos.

Comparación por rexións

O estudo desenvolvido polo equipo liderado por Miriam Cubas antóllase como unha das comparacións rexionais máis amplas que se publicaron até o momento sobre o uso da cerámica durante a Prehistoria. Un dos achados máis sorprendentes é a ausencia de alimentos mariños nas cerámicas documentadas, mesmo, en xacementos arqueolóxicos situados en zonas de costa, onde estes recursos alimenticios están claramente dispoñibles. Unha excepción é a zona do Báltico onde tanto os recursos lácteos como os alimentos de procedencia mariña foron preparados na cerámica.

“O noso estudo ofrece unha ampla comparación rexional sobre o uso da cerámica durante a Prehistoria. Estes resultados contribúen a obter máis información sobre como viviron os grupos humanos durante este proceso de cambio tan transcendental que supuxo a introdución da gandaría e a agricultura”, salienta Miriam Cubas, autora principal do artigo publicado en Nature Communications.

“As diferenzas respecto da frecuencia de aparición dos produtos lácteos poderían ser importantes para a comprensión da evolución da tolerancia á lactosa nos adultos en Europa. Hoxe en día, as mutacións xenéticas que permiten aos adultos dixerir a lactosa presente no leite teñen unha maior presenza na zona noroeste de Europa que nas rexións do sur”, sostén o profesor Oliver Craig, do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de York, que tamén tivo unha participación activa nesta investigación.

Panel internacional

O equipo de investigadores implicados nesta investigación sobre as prácticas culinarias das sociedades prehistóricas conforman un amplo panel internacional, no que se atopan investigadores procedentes da Universidade de York, a Universidade de Oviedo, a Sociedade de Ciencias Aranzadi, a Universidade Autónoma de Barcelona, o Instituto Max Planck, a Universidade de Cantabria, INRAP, o Servizo Rexional de Arqueoloxía de Normandía, o Servizo de Arqueoloxía do Departamento de Calvados, a Universidade de Lisboa, UNIARQ, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Rennes, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Cantabria, o Institut Català de Paleoecología Humana i Evolució Social, a Universitat Rovira i Virgili, o Museu Arqueolóxico de São Miguel de Odrinhas e a Universidade de Barcelona.

O cometido desenvolvido por este amplo equipo permitiu analizar os residuos orgánicos conservados en 240 cerámicas do Neolítico antigo procedentes de 24 xacementos arqueolóxicos situados entre Portugal e o Báltico. Daquela, os resultados do proxecto contribúen a estender o coñecemento sobre as prácticas culinarias destas primeiras sociedades agrícolas, o papel que desempeñaron os distintos alimentos e o seu impacto na dieta das primeiras comunidades campesiñas.

Vaso de cerámica cardial achado en Cova Eirós
Vaso de cerámica cardial achado en Cova Eirós
Categoría: Portada
Visto: 19932