Información
Ourense

O cemiterio de San Francisco de Ourense acolleu a xornada de homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor

Información
02 Diciembre 2018 420 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Un ano máis o cemiterio de San Francisco de Ourense acolleu a xornada de homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, nesta ocasión con motivo do 39º aniversario do seu pasamento. Esta tradicional homenaxe que cada ano reúne na campa do cemiterio a numerosos representantes institucionais, sociais e culturais, pretende "honrar a obra dun ourensán universal, autor da Esmorga, e ao seu legado cultural".

O acto, organizado pola Fundación "Eduardo Blanco Amor" e o Centro PEN Galicia, contou coa participación das alumnas do IES "Eduardo Blanco Amor" Alba Guzmán, Ana Fraile e Isabel Rodríguez, quen recitaron textos da súa autoría en homenaxe ao autor ourensán.

A mantedora do acto, quen eloxiou a obra de Blanco Amor facendo especial énfase na súa obra poética e na produción deste autor en castelán, foi a profesora María do Carmo Enriquez, con numerosos traballos sobre este escritor.

Pola súa banda, Luis González Tosar leu uns versos do libro "Cancioneiro", do ano 1956, e centrouse nun dos romances desta obra, sempre importante para Blanco Amor e que pervivíu ao longo da súa vida. "Trinta e nove anos despois do seu falecemento Blanco Amor segue a ser mal tratado –dixo González Tosar-, non como en vida, pero si dunha maneira máis sutil, pese a ser un dos máis grandes, o escritor máis completo que ten a literatura galega, e o que maior proxección exterior ten", expresou o presidente do PEN Galicia.

O acto rematou coa tradicional ofrenda floral por parte da Deputación de Ourense, do Concello de Ourense, da Fundación "Blanco Amor" e do Centro PEN de escritores de Galicia.

Continuando coas actividades de lembranza da figura e da obra de Blanco Amor, hoxe, ás 20.30 horas, no Liceo de Ourense, o presidente da Deputación de Ourense fará entrega do XXXVII Premio "Blanco Amor" de novela longa ao escritor Manuel Portas, pola súa obra Por puntos.

Otros articulos relacionados.....