Baltar destaca ignorando a Feijóo na inauguración do centro socio cultural de Boborás o exemplo de Ourensanía e compromiso coa terra de Chamoso Lamas e de Losada Diéguez

Información
Ourense | 20 Enero 2020 | 4338 votos | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto de inauguración do centro sociocultural "Manuel Chamoso Lamas" de Boborás o exemplo de Ourensanía deste intelectual e de Antón Losada Diéguez e o seu compromiso coa terra. "Este centro social e cultural de Boborás -dixo- deberá manter o lume vivo da súa memoria, o seu compromiso de fillos dun tempo e dunha terra; ou o que é o mesmo, o orgullo da ourensanía e o sentimento de pertenza e leal compromiso con este país do noroeste peninsular, con esta nación cultural solidaria e integrada cos demais pobos de España, con esta patria á que eles serviron e á que nós, xunto cos devanceiros e cos que nos sucedan, chamamos Galicia".

 

Baltar lembrou que "non por casualidade" Boborás reúne a dous grandes figuras da Galicia contemporánea: Losada Diéguez e Chamoso Lamas, "dous veciños de Boborás que aportaron ideas e materializaron accións a prol dunha Galicia autoidentificada como pobo diferenciado, un territorio con historia, con lingua propia e cunha cultura que Losada e Chamoso engrandeceron co seu traballo xeneroso".

O presidente do goberno provincial salientou que eles "compartiron a beleza desta terra, coñecérona a fondo, unha experiencia enriquecedora que lles valeu para dar unha resposta, para aportar a súa idea de Galicia".

De Losada dixo que foi un adiantado, un precursor. "Todo o movemento cultural e político galeguista da década dos anos 20 do século pasado non tería sido como foi se non fose por el". "E así xurdiu –expresou Baltar-, grazas ao empuxe de Losada Diéguez, a revista Nós, cuxo centenario celebraremos a longo deste ano". Referíndose a Chamoso Lamas destacou deste historiador, arqueólogo e investigador "a súa defensa do patrimonio histórico-artístico da nosa terra". "Sen el non habería alicerces para o estudo das catedrais de Santiago, Lugo e Ourense. Sen o seu labor e a súa loita teimuda, o fenómeno Xacobeo e a cidade de Santiago non terían acadado o esplendor actual nin serían referente europeo e universal".

  •