Gonzalo Caballero 211122 01Gonzalo Caballero oponse á lei de acompañamento dos orzamentos, que modifica medio centenar de normas “pola porta de atrás”: “menos calidade lexislativa e menos transparencia” a través do “abuso da maioría parlamentaria” do PP

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022. O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, criticou hoxe a lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta, coa que o goberno galego vai modificar “pola porta de atrás” medio cento de leis e disposicións normativas e “regalar” 35 millóns de euros ás maiores fortunas de Galicia. 

Na presentación da emenda de devolución ao dito texto no pleno do Parlamento, o responsable socialista denunciou que esta lei provoca “unha regresividade fiscal inaceptable”. De feito, nun contexto no que o goberno galego “non ten a orientación que Galicia necesita” para enfrontar o futuro, subliñou que a rebaixa do imposto do Patrimonio para as 7.700 maiores rendas de Galicia é “demencial, unha decisión regresiva, inxusta e que constitúe un “ataque ao estado do benestar”.

Así pois, Gonzalo Caballero sinalou que esta rebaixa do imposto do Patrimonio “indecente” na que o goberno galego exerce como “correa de transmisión de Ayuso en Galicia”, precisamente cando 3 de cada 4 familias galegas non chegan a fin de mes e máis de 600.000 galegos e galegas están en risco de pobreza. Censurou a “hipocrisía” política do PP, que ao tempo que presume dos orzamentos máis amplos da historia fai un discurso de "baixar os impostos todo o posible”, pero favorecendo aos máis ricos.

 

Na mesma liña, o deputado socialista acusou a Rueda de “falarlle aos amigos millonarios” ao presentar uns orzamentos coa “medida estrela” da rebaixa fiscal para os maiores patrimonios e cando o propio conselleiro de Facenda aproveita o debate de totalidade dos presupostos para anunciar a presentación dun “recurso para que o goberno de España non poida poñer un imposto ás maiores fortunas”.

 

Ademais, reprochou ao presidente da Xunta caer na carreira polo desmantelamento do Estado do benestar rebaixando impostos sen rumbo, por canto amosa unha “política errada, errática” nun momento no que os recursos públicos “son máis necesarios para a defensa da igualdade de oportunidades e dos servizos públicos”.

 

Finalmente, Gonzalo Caballero criticou a técnica lexislativa da Lei de acompañamento dos orzamentos, resumida en “menos calidade lexislativa e menos transparencia”. O PP, dixo, “zarandea” o marco normativo a través dun “abuso da maioría parlamentaria” para eludir a participación social e os informes preceptivos do CES e para reducir o debate parlamentario.

 

Epílogo de Feijóo

 

O responsable socialista lamentou que o goberno galego teña desaproveitado a “oportunidade histórica” ao presentar uns orzamentos “que non teñen proxecto para o país, medidas nin capacidade para mellorar a vida e a actividade económica dos galegos e das galegas”. Criticou que o presidente da Xunta se teña convertido no “epílogo” de Feijóo seguindo a inercia do expresidente da Xunta, “cada vez máis acomodado á sombra de Ayuso”.

 

Nin Feijóo nin Ayuso deben de gobernar Galicia”, dixo logo de criticar un modelo de xestión “de brazos caídos e de inacción”, incapaz de remontar a inercia de Feijóo, que “deixou Galicia con menos poboación ocupada, peores servizos públicos e máis cativa no conxunto do Estado”. Durante 13 anos, dixo, o PP “non tomou medidas de calado para apoiar á cidadanía nin ao tecido produtivo” e que diante dos esforzos do Estado se manteñen “de medio lado, sen facer nin deixar facer”.

social youtube xornalgalicia   feed-image