ZLN GZ 2022 SindicatoLabregoGalegoA Consellería de Medio Rural (CMR) decidiu que no próximo periodo da PAC (2023-2027) non vai pagar a axuda para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) en todos os concellos de Galiza clasificados como “distintos aos de montaña” [Consultar MAPA para ver zonas excluídas], que si a viñan percibindo até o dagora. É a primeira vez, despois de moitos anos, que nos atopamos cunha exclusión intencionada, por parte do conselleiro José González Vázquez, dunha axuda que leva anos chegando ás granxas.

Resulta canto menos desagradablemente sorprendente que a Consellaría do Medio Rural, nun dos momentos mais críticos para os sectores agrario e gandeiro por mor da suba de custos de produción -que afecta a moitos factores esenciais para a produción agrogandeira, como a electricidade, o gasóleo, os fertilizantes ou os cereais-, decida impedir que milleiros de granxas galegas podan acceder a unha axuda á que teñen dereito dentro da Política Agraria Común (PAC). De feito, fronte a esta exponencial suba hai administracións que xa procuraron apoiar unha cuestión tan esencial como é a produción de alimentos con programas de axuda ás granxas e producións primarias. Pola contra, a Xunta de Galicia non só non saca novas liñas de axuda -como acontece por exemplo co sector da carne- senón que ademais atopámonos ca preocupante sorpresa de que lle quita axudas a milleiros de granxas que as viñan percibindo até o dagora.

No ano 2020, esta axuda para zonas distintas de montaña foi concedida a 8.255 persoas solicitantes, por un importe de 8 millóns de euros. Neste mesmo ano 2020, as axudas para as zonas de montaña foron de case 9 millóns de euros, para 5.266 persoas.

Xa no periodo de consultas sobre a PAC, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladamos á Consellaría do Medio Rural que, dado o seu destacado aporte na preservación da actividade gandeira en zonas con limitacións físicas, resultaba prioritario o mantemento das axudas a zonas con limitacións naturais e zonas con outras limitacións. A función deste orzamento é distinto ao resto das axudas da PAC, xa que teñen como obxectivo principal evitar o abandono de terras en determinadas zonas, supoñendo un instrumento específico de mantemento da actividade agraria e gandeira.

De xeito concreto, esta restricción nas axudas públicas percibidas polas labregas e labregos implicará que, por exemplo, no ano 2023 no concello de Lalín 337 persoas non van percibir esta axuda (330.773 euros, segundo datos do 2021). No caso de Mazaricos, no ano 2023, 210 perceptores non van recibir esta axuda (224.326 euros, segundo datos do 2021).

Dende o SLG esiximos á Consellaría do Medio Rural que corrixa inmediatamente esta medida, e non pervirta o verdadeiro obxectivo destes orzamentos públicos, respectando unha función tan esencial como é axudar a garantir a produción agroalimentaria, e fixar poboación, nas zonas con limitacións naturais.

social youtube xornalgalicia   feed-image