Información
Localidades de Galicia

O BNG trasladou ao Pleno a demora á hora de presentar un plan de mobilidade para o Casco Histórico de Betanzos

Información
02 Enero 2019 424 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

“Por que motivo adían o debate sobre a mobilidade no Casco Histórico? Consideran que se pode seguir permitindo que pase o tempo sen adoptar decisións? Van agardar, novamente, a que pasen as eleccións municipais?”

“Desde o BNG fomos os únicos que formulamos unha proposta e pedimos varias veces que se escoitara a veciñanza e se buscara un consenso mais parece que o goberno local prefire deixar pasar o tempo sen tomar decisión ningunha”

O BNG trasladou ao Pleno a demora á hora de presentar un plan de mobilidade para o Casco Histórico. “O goberno local presentou hai anos, en 2014, un plan de mobilidade no que defendía implantar o que denominou “parking express” no Casco Histórico a fin de regularizar o tránsito e estacionamento irregular que se ven dando nesta zona da cidade, sen dúbida a de maior atractivo e potencial económico e patrimonial. Realizou unha enquisa entre a veciñanza e un proceso de recollida de suxestións do que nunca máis se volveu saber nada e iniciou a contratación dunhas cámaras para levar conta do acceso rodado ao mesmo antes incluso de definir que tipo de mobilidade se vai implantar na zona, se é que se vai cambiar a normativa actualmente vixente. Mesmo se requiriu aos outros grupos da corporación a facer achegas, cousa que o BNG fixo. Mais, feito todo isto, o goberno local gardou o asunto nun caixón e non volvemos saber nada da regulación da mobilidade no Casco Histórico a pesar das múltiples mocións aprobadas esta lexislatura polo Pleno”, explicou o portavoz do BNG.

“Por que motivo adían o debate sobre a mobilidade no Casco Histórico? Consideran que se pode seguir permitindo que pase o tempo sen adoptar decisións? Van agardar, novamente, a que pasen as eleccións municipais?”, cuestionou o portavoz nacionalista. “Non nos parece de recibo que se leven a cabo procesos participativos dos que nunca se coñecen os resultados a pesar das múltiples veces que os solicitamos nin que se gasten cartos públicos en mercar cámaras para controlar o cumprimento dun Plan de mobilidade que non existe. É unha tomadura de pelo.”, engadiu Del Río.

“Temos que afrontar en serio o tema da mobilidade no Casco Histórico e dar propostas e solucións. Desde o BNG fomos os únicos que formulamos unha proposta e pedimos varias veces que se escoitara a veciñanza e se buscara un consenso mais parece que o goberno local prefire deixar pasar o tempo sen tomar decisión ningunha”, recordou o portavoz nacionalista.

Os nacionalistas explicaron que é necesario dar un impulso ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos fomento o centro comercial aberto como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos, pero para iso é necesario e urxente tomar decisións sobre o Casco Histórico. O portavoz nacionalista puxo en valor o modelo dos concellos BNG, “vemos como outros Cascos onde o goberno local interveu, como Allariz, o comercio vive un bo momento e como en Betanzos o goberno se sigue negando a tomar decisións mentres deixa esmorecer o Casco Histórico”, concluíu Del Río.