Información
Localidades de Galicia

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que Wikipedia non permite os topónimos galegos

Información
15 Junio 2018 1426 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Wikipedia que ten como lema “a enciclopedia libre que calquera pode editar” prohibe editar a toponimia deturpada (casos como Arteijo, Tuy, Órdenes, Rianjo, Puentecaldelas ou Isla de Arosa entre outros moitos).  Cando procedemos a editar os topónimos deturpados desde Wikipedia voltan a cambialos e responden: “He revertido tu edición en Anexo:Municipios de Galicia por población por contravenir la política oficial TOES.”

 

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”. Co fin de cumprir esta obriga, a Xunta de Galiza publicou o Decreto 189/2003, do 6 de febreiro; o Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro; o Decreto 332/1996, do 26 de xullo; e o Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, e onde aparecen as formas toponímicas xenuínas e oficiais.

En canto ao nome oficial das provincias galegas da Coruña e Ourense, o Goberno español aprobou no ano 1998 a Lei 2/1998, do 3 de marzo, sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e Orense onde se obriga a empregar as xenuínas e únicas formas oficiais A Coruña e Ourense para as denominar.

Na convención específica para topónimos de España de Wikipedia en español recollen que os topónimos do Estado español deben utilizarse en castelán, e que aludir ás leis que regulan o uso de topónimos tampouco é un argumento válido xa que “regulan só o ámbito da correspondente documentación e sinalización oficial non o resto dos usos”. Non é comprensíbel como para wikipedia as leis non son un argumento válido. +https://es.wikipedia.org/wiki/Toponimia_de_Espa%C3%B1a 

Tamén afirman que esa é a política actual da empresa a cal se debe respectar e se insistimos en pór os topónimos na súa forma oficial seguramente serán traducidos ao castelán nun futuro.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, apuntou que “non empregar a forma oficial dos topónimos é unha discriminación e un ataque directo cara á lingua galega” e quixo deixar constancia de que o de Wikipedia non é un caso illado. Segundo Maceira, “as grandes empresas como Wikipedia e Google ao empregaren os topónimos galegos deturpados están vulnerando  os dereitos lingüísticos”.

Precisamente Google é a empresa que máis queixas recibe a través da Liña do Galego por deturpación de topónimos chegando a acadar no ano 2017 o 6% do total das queixas recibidas neste servizo ao longo de todo o ano.