Invasión eólica: campaña de alegacións aos novos parques Ralea, Eco e Umbrío (Lugo e León)

Información
Localidades de Galicia | 11 Febrero 2022 | 1097 votos | Correo electrónico | Imprimir

 Feijóo facilita a destrucción e recortes nas Fragas do Eume para beneficiar  o negocio das eólicas | Xornal GaliciaA avalancha de proxectos eólicos que está a anegar Galiza de explotacións enerxéticas ameaza con tres novos plans de negocio extractivo: os parques eólicos Ralea, Eco e Umbrío, da empresa madrileña Green Capital Development, con impactos sobre a poboación, biodiversidade e patrimonio das provincias de Lugo (Folgoso de Courel, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro) e León.

 

Malia que o Comité Español do Programa MaB da UNESCO, vinculado ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aprobou o pasado mes de setembro realizar a nivel de todo o Estado español un informe sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera -así como un estudo de viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas, termo solares e infraestruturas asociadas que as grandes empresas enerxéticas pretenden instalar en espazos naturais protexidos-, denunciamos que o Ministerio de Política Territorial está a obviar este procedemento e segue dándolle para adiante á tramitación de megaestructuras extractivas que están a destruír o noso territorio.

A madrileña Green Capital quere instalar máis de medio cento de aeroxeradores eólicos de 6 MW, é dicir, moles que alcanzan alturas de até 164 metros (máis de tres veces a altura da Torre de Hércules, e máis de dúas veces a da Catedral de Santiago), así como as liñas de evacuación e infraestruturas asociadas, en zonas de elevado valor natural e paisaxístico, que cumpren a función de corredor natural -así o delimita a Estratexia Nacional- entre os diferentes espazos protexidos que os rodean, Reserva da Biosfera dos Ancares Leoneses, Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, Serras do Iribio e Courel, Xeoparque Montañas do Courel e o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra.

Fronte a este novo ataque ao benestar da cidadanía e á preservación da biodiversidade e patrimonio, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e as asociacións Rente Couce, Rural Sostenible e Petón do Lobo iniciamos unha campaña de alegacións para activar a acción social contra a imposición destes tres parques eólicos, a todas luces planificados nunha inadecuada situación territorial incompatible coa protección de espazos naturais.

Estes vales do Bierzo Oeste son necesarios para a conectividade ecolóxica, un elemento crucial para a conservación da biodiversidade e mantemento de servizos dos ecosistemas, así como para minimizar os efectos do cambio climático. Ademais de presentar unha grave afección aos espazos protexidos, estes megaparques eólicos tamén perxudican ao Camiño de Santiago -declarado Patrimonio da Humanidade-, especialmente no Concello de Pedrafita do Cebreiro, lugar emblemático e entrada do camiño na Galiza.

Ademáis, é unha zona de alto valor histórico, paisaxístico e natural, albergando a Pena do Seo - -paraxe incluido na Lista Vermella do Patrimonio español- e o Faiedo de Busmaior, xoia monumental botánica, bosque emblemático da comarca pola súa singularidade, de importancia científica e de conservación por ser un dos faiedos máis occidentais de Europa e mellor conservados da península, e que alberga unha gran diversidade de especies.

Cómpre alertar ademais de xeito destacado das evidentes deficiencias no estudo de impacto sobre o patrimonio cultural, xa que a importancia arqueolóxica da zona é considerábel, e a instalación de medio cento de aeroxeradores estragaría os diferentes xacementos arqueolóxicos pertencentes aos numerosos municipios afectados. Así, resulta moi preocupante que o Estudo de Impacto Ambiental non contemple a existencia de moitas covas -algunhas delas mencionadas en documentos históricos-, túmulos funerarios, castros, varios conxuntos etnográficos moi importantes -como os muiños de Villarubín-, a rede de Camiños antigos que comunican o Bierzo con Galiza, ou toda a rede de camiños antigos que comunicaba a mina de Ferro de Formigueiros( O Courel) coas ferrerías do Bierzo e mesmo unha variante do Camiño Francés.

Afondando nos perxuícios derivados da instalación deste megaparque eólico disimulado en tres concesións diferentes -a criticada práctica do salami slicing ou partición fraudulenta de parques- , é tamén moi salientábel o seu impacto socioeconómico, afectando grande cantidade de viñedos, froiteiras e bosques de castiñeiros centenarios en produción, danando gravemente o motor socioeconómico do que se sustentan os concellos implicados, xa que supoñen perdas irreparábeis de espazos de cultivo, eliminando a posibilidade de permanencia das explotacións agrarias existentes na zona.

No tocante á afección nas actividades económicas desenvolvidas polas persoas que habitan nestes territorios, tamén se perdería o atractivo turístico e paisaxístico da zona debido á implantación de industrias eólicas que modificarían as nosas paisaxes e as nosas montañas. Gran parte do motor económico da contorna está baseado no ecoturismo e na peregrinación do Camiño de Santiago, considerado Patrimonio da Humanidade. Estes sectores veríanse danados de maneira flagrante debido á perda de atractivo ambiental que a construción dunha industria destas dimensións supón.

Ademais, e como está a acontecer de xeito reiterado por parte das empresas que queren instalarse no noso territorio, non se está facendo unha adecuada avaliación sinérxica dos numerosos proxectos de enerxía renovábel que se están desenvolvendo simultaneamente no Bierzo e no seu entorno e que afectan estes municipios. A ausencia de planificación da implantación destes programas de desenvolvemento de enerxía renovábel e, por tanto, a imposibilidade de realizar unha avaliación estratéxica do mesmo, permite afirmar que todo o proceso de aprobación resulta claramente ilegal e contrario ás normas e aos principios do dereito ambiental vixente.

social youtube xornalgalicia   feed-image