InvestiGal denuncia a falta de previsión e vontade por parte da Xunta de Galicia que levará a que 31
investigadores/as queden no paro en decembro e máis de 400 non poidan acceder a algunha das 50
axudas de formación posdoutoral no estranxeiro
● Fontes próximas á Secretaria Xeral de Universidades confirmaron a InvestiGal que a Xunta
de Galicia non ten intención de convocar no 2020 as axudas para contratos posdoutorais
(Modalidade A e B) do programa autonómico.
● O programa autonómico de financiamento de contratos posdoutorais sofre atrasos e merma de
recursos sistemáticos, provocando que os/as investigadores/as nunca saiban cando serán
convocadas as axudas e polo tanto non poidan planificar axeitadamente as súas carreiras.
● Solicitamos á Xunta de Galicia que convoque tanto a modalidade A coma a modalidade B o
antes posible co fin de garantir a continuidade das carreiras das investigadoras e
investigadores posdoutorais que conseguiron o doutoramento recentemente e dos 31
investigadores/as que rematan o seu contrato o 31 de decembro de 2020.
Galicia, 4 de outubro de 2020.
Distintas fontes próximas á Secretaría Xeral de Universidades confirmaron a InvestiGal que a
Xunta de Galicia non ten intención de convocar no 2020 as axudas para contratos posdoutorais
(Modalidade A e B) do programa autonómico de I+D+i. Esta decisión xustifícase, aparentemente, en
base “a que os presupostos non foron aprobados polo Parlamento de Galicia”. A falta de previsión da
Xunta de Galicia nunha convocatoria como esta, que é de carácter anual dende o 2016, ten
consecuencias directas e negativas sobre a investigación galega e o colectivo que a sostén. Por unha
banda, impide que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan acceder a
algunha das 50 axudas deseñadas para a etapa inicial do posdoutorado, as correspondentes á
Modalidade A. Esta Modalidade A permítelles iniciar a súa etapa posdoutoral e formarse nos mellores
centros de investigación no estranxeiro durante dous anos, de xeito que poidan retornar este
coñecemento (e o investimento público dedicado á súa formación) ao noso país mediante un terceiro
ano de contrato en Galicia. “A incerteza na mobilidade internacional pola COVID” é, precisamente,
outro dos motivos que a Secretaría Xeral de Universidades alega para non convocar a Modalidade A
das posdoutorais. Con todo, outras axudas posdoutorais que tamén implican mobilidade internacional
mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno
Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions
(MSCA). A continuidade destes programas é un reflexo da aposta decidida pola investigación de
ambas as dúas institucións en tempos de COVID. Se ben é certo que a mobilidade internacional é un
dos aspectos máis interesantes da modalidade A, o goberno da Xunta tivo máis de 6 meses para pensar
en como flexibilizar as estadías para que se puidesen levar a cabo con todas as garantías sanitarias, ou
mesmo buscar fórmulas alternativas baixo as que convocar estas axudas. Por outra banda 31
investigadores/as da convocatoria 2017 da Modalidade A quedarán no paro o próximo mes de
decembro, sen posibilidade de continuidade a través dalgunha das 20 axudas posdoutorais da
Modalidade B que convoca anualmente a Xunta de Galicia, e que ata o de agora supoñan un
inestimable pulo á investigación no noso país. Dende InvestiGal acollemos con sorpresa esta decisión,
tendo en conta o comunicado emitido o pasado 29 de abril polo propio goberno galego: “ No caso da
modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha
convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano
2021 ”.
Os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e
amosan o pouco interese que o goberno de Galicia ten en considerar a investigación como eixo
estratéxico do país. No ano 2015 non foron convocadas, e desde 2016 prodúcense atrasos sistemáticos
na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas no paro,
agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que
perdamos talento propio que foi formado con presupostos públicos. O “Colectivo de Investigadores
Posdoutorais de Galicia” xa denunciou en xullo de 2019 a falta de continuidade entre a modalidade A
e a B e tras mobilizarse activamente conseguiron que a Xunta financiase aos investigadoras/es
posdoutorais uns “contratos ponte” de 3 meses durante a fase de transición entre o final da
Modalidade A ata a resolución da Modalidade B [1] . Grazas a este parche improvisado, só estiveron no
paro 1 mes. Tras este logro, o Consello da Xunta de Galicia sentou un precedente ó aprobar o 31 de
outubro de 2019 un convenio entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
e as tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) que garante a contratación temporal do
persoal investigador posdoutoral da modalidade A mentres non remate o período de avaliación
necesaria para acceder á modalidade B [2] . Lonxe de ser unha solución ao problema no atraso das datas
das convocatorias e a escaseza de recursos destinados a estas convocatorias, a Xunta de Galicia
debería cumprir con este acordo e financiar os contratos temporais destes 31 investigadores/as ata que
se resolva a próxima convocatoria da modalidade B.
Esta falta de previsión e vontade por parte da Secretaría Xeral de Universidades levará a que as
investigadoras e investigadores posdoutorais que esperaban o seu acceso á modalidade B non poidan
seguir exercendo o seu traballo docente e investigador. A falta de continuidade entre programas
penalizará as súas carreiras profesionais: paralizaranse as súas liñas de investigación, perderán horas
de docencia e seralles imposible comezar ou seguir coa titorización de estudantes de TFGs, TFMs, ou
teses de doutoramento. Tamén as súas vidas persoais veránse afectadas tanto polo desemprego coma
pola incerteza xerada. A falta de continuidade prexudica non só aos investigadores/as afectados/as,
senón tamén ás propias institucións, xa que provoca que parte do colectivo investigador galego
abandone o programa posdoutoral autonómico para traballar noutros centros e mesmo noutros países.
A “fuga de cerebros” é importante, máis tendo en conta que a Xunta investiu na formación de cada
unha destas investigadoras e destes investigadores entre 100.000 e 120.000 €. Deste modo, dase o
terrible parodoxo de que tras formar en Galicia a un colectivo investigador de excelencia, o goberno
da Xunta permite que os froitos do seu traballo os rentabilicen outras partes do Estado español ou
outros países. Se a perda de persoal investigador altamente cualificado é inadmisible baixo calquera
circunstancia, na situación actual de crise sanitaria, económica e social resulta aínda máis ilóxico e
perigoso.
Os principais programas nacionais e internacionais manteñen un calendario continuo e estable
das convocatorias, axudando a minimizar a precariedade dos investigadores/as ao facilitar a súa
planificación. O Colectivo de Investigadores Posdoutorais, integrado en InvestiGal, propuxo o ano
pasado unha serie de suxerencias de “custo cero” á Secretaría Xeral de Universidades para solucionar
o problema: 1) a necesidade dun calendario continuo e estable das convocatorias co fin de facilitar aos
investigadores/as e os grupos de investigación a planificación da xestión dos recursos humanos ; 2) a
realización das avaliacións das actividades investigadoras durante a metade do contrato de retorno, 3)
a presentación de solicitudes para a modalidade B nos últimos meses do contrato da Modalidade A.
Dende InvestiGal apoiamos estas medidas, que de feito foran presentadas durante a última
campaña electoral en reunións individuais cos distintos partidos políticos, incluíndo o grupo
parlamentario do PPdeG. Polo tanto, solicitamos á Xunta de Galicia que convoque tanto a Modalidade
A coma a Modalidade B o antes posible co fin de garantir a continuidade das carreiras dos
investigadores/as posdoutorais que conseguiron o doutoramento recentemente e dos 31
investigadores/as que rematan o seu contrato o 31 de decembro de 2020.
REFERENCIAS
[1]
https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1474809/xunta-financiara-hasta-octubre-contratos-34
-investigadores-postdoctorales-finalizaban-programas
[2] https://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1280881&name=DLFE-35902.pdf
Para máis información :
correo: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
web: investi.gal