Membros do comité de Alcoa e da industria auxiliar realizaron unha acción de protesta na Subdelegación de Lugo este venres para esixir do Goberno español e da Xunta actuacións urxentes e contundentes que eviten o plan de despedimentos e a parada das cubas que pretende a multinacional do aluminio.
Un grupo de traballadores/as encadeouse no balcón do edificio da Subdelegación para esixir do Ministerio de Industria a convocatoria da reunión da mesa multilateral na que oficializar a proposta de solución, trasladar datos concretos sobre o presunto socio inversor interesado e o plan enerxético, así como para esixir a incorporación das auxiliares a este foro xa que "o persoal das contratas e subcontratas é o gran esquecido nestas negociacións".