Información
Localidades de Galicia

O TSXG confirma a condena de tres anos e catro meses de cárcere ao naronés que agrediu a súa parella cun martelo

Información
16 Mayo 2019 109 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de tres anos e catro meses de prisión que a Audiencia Provincial da Coruña lle impuxo ao veciño de Narón que en xullo do 2016 golpeou a súa parella cun martelo tras discutir con ela porque se negou a darlle unha tarxeta de crédito para evitar que comprase droga.


O TSXG rexeitou, do mesmo xeito que a Audiencia, que o sospeitoso tivese intención de matar a vítima, polo que confirmaron a condena como autor dun delito de lesións con instrumento perigoso coa atenuante de alteración psíquica e a agravante de parentesco. “Non ignora este tribunal o perigo da zona á que se dirixen a maior parte dos golpes, nin o plus que entraña o emprego dun martelo aínda que só fose unha vez, pero iso débese ponderar coas restantes circunstancias concorrentes, en especial, a declaración do médico forense, que asegura que dada a intensidade dos golpes en ningún momento existiu risco vital”, indica o alto tribunal na sentenza. Os xuíces tamén resaltan que “non consta” que a vítima perdese a consciencia, polo que “non se pode concluír que o procesado cesase a agresión na crenza de que aquela morrera”.