Información
Localidades de Galicia

O Concello abre unha bolsa de aparcamento público nas inmediacións da praia da Concha

Información
11 Mayo 2019 83 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1
O Concello de Vilagarcía continúa incrementando as prazas de estacionamento público na cidade, neste caso nas inmediacións da praia da Concha onde dende hoxe mesmo xa se pode utilizar a nova bolsa de estacionamento que dará servizo tanto aos veciños da zona como ás persoas que acudan á praia agora que se achega a tempada de verán. O goberno local chegou a un acordo cos propietarios da finca para usala como estacionamento sen custe algún para a administración local a cambio da limpeza e mantemento dos terreos. Tamén se pode usar xa a nova bolsa de aparcamento habilitada polo Concello detrás da piscina.
10.05.2019.- A nova bolsa de estacionamento sitúase detrás de Villa Güimil. Os vehículos poden acceder a ela dende a Avenida Rosalía de Castro, collendo pola Rúa A Concha, onde se atopa o depósito municipal de vehículos. E a saída, tamén cara Rosalía de Castro, é pola Rúa San Xosé, na zona da capela.

Os operarios do servizo de Obras estiveron traballando na zona nos últimos días, deixándoa totalmente acondicionada e explanada para o seu uso esta mesma mañá. Nos vindeiros días colocarase un cartel sinalizando a existencia do aparcamento dende a avenida Rosalía de Castro.
O goberno local agradece publicamente a disposición e colaboración dos propietarios para chegar a este acordo que permite continuar ampliando o número de prazas de aparcamento na nosa cidade e contribuír a reducir o tráfico no centro urbano, convertendo a Vilagarcía nunha cidade máis humanizada e segura.
Nos últimos catro anos, o goberno local de Vilagarcía xestionou con varios propietarios a firma de convenios para a utilización como estacionamento público de solares e fincas en desuso por un aluguer simbólico ou a cambio do mantemento dos terreos. Deste xeito conseguíronse bolsas de aparcamento no na Escardia, na Avenida de Cambados, Carril (Rosalía de Castro), Marxión, Os Duráns, e Faxilde.

Ademais, o Concello xa puxo a disposición dos usuarios do complexo deportivo de Fontecarmoa a nova zona de aparcamento habilitada tras a piscina municipal en parte dos terreos adquiridos para a construción da segunda piscina. E en breve estará dispoñible un novo espazo ao outro lado do pavillón de deportes, grazas ao acordo acadado co Ministerio para usar a parcela onde está previsto construír o novo Cuartel da Garda Civil ata que non comecen as obras.