Información
Localidades de Galicia

O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar polo recorte de persoal no 'Diario de Pontevedra'

Información
17 Abril 2019 493 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente os despedimentos producidos no Diario de Pontevedra e expresa a súa solidariedade co persoal afectado.

 

O pasado venres 12 de abril, a dirección do Diario de Pontevedra comunicáballe a cinco traballadores, dous deles xornalistas, o seu despedimento, alegando causas económicas. Ese mesmo día, asemade, comunicábaselle a dúas persoas máis que non se lles renovaría o contrato. Diario de Pontevedra é unha cabeceira pertencente ao Grupo El Progreso, que xa o día anterior prescindira de 13 traballadores en Lugo.

Unha vez máis, o Colexio de Xornalistas ten que lembrar que a crise do xornalismo impreso e o impacto económico da falta de lectores non poden resolverse con menos xornalistas e menos xornalismo. A redución de persoal nos medios non só é profundamente lamentábel polo que significa para as traballadoras e os traballadores afectados, senon que tamén redunda nunha perda de calidade da información e nun deterioro do xornalismo que se ofrece á sociedade.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas expresa a súa solidariedade aos traballadores afectados polos recortes no Diario de Pontevedra e fai un chamamento ás direccións dos medios para apostaren por uns cadros de persoal estábeis, con condicións dignas e suficientes para garantir a información propia, rigorosa, diferenciada e contextualizada que a sociedade galega merece.