Imprimir

A choiva non impide que miles de persoas berren en Compostela "queremos un novo futuro para o galego"

Información
Hoy es noticia | 17 Mayo 2022 | 419 Votos

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, denuncia que "despois de 40 anos de oficialidade, aínda hai administracións públicas incapaces de daren a mínima atención en galego" e recordan que non chega con recoñecer o dereito, senón que temos que poder exercelo"

 

Compostela, 17 de maio de 2022.- A choiva non impediu que miles de persoas de toda Galicia viaxaran hoxe ata Compostela para manifestar que a sociedade galega quere "un novo futuro para o galego". "Despois de 40 anos de oficialidade. aínda hai administracións públicas incapaces de daren a mínima atención en galego" denunciou o voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, promotora da manifestación, Marcos Maceira. "Por iso temos que lles facer saber que queremos galego, que o queremos en todo, que o queremos para todo e que non chega con recoñecer o dereito senón que temos que poder exercelo", afirmou.

Maceira referiuse ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofrecéndolle tres ideas para "exercer, como dixo, con dignidade e galeguismo" e para traballar pola liberdade, "cun custe de cero euros": liberdade para o galego no audiovisual, no ensino e na administración e servizos.

1) Liberdade para o galego no audiovisual: arredor da unanimidade da Iniciativa Xabarín e polo audiovisual en galego, como sector estratéxico que é para a lingua e a economía de Galiza. Exixindo igualdade ao goberno do Estado e actuando no que da Xunta dependa. Maceira recordou que a sociedade galega conseguiu con esforzo e activismo que o noso Parlamento fose o único en apoiar a igualdade para todas as linguas na nova lei audiovisual e denunciou que agora o goberno español pretende rebaixar a nosa demanda e limitala só a algunha das linguas oficiais. "Se a nova lei do audiovisual do Estado non recolle uns mínimos fixos para todas as linguas de dobraxe, lexendaxe, cotas e financiamento", denunciou, "será unha fraude". "Os avances para o galego son froito da mobilización social mais tamén fráxiles sen poder político que os ampare e os garanta", salientou.

2) Liberdade para o galego no ensino: derrogando o decreto contra o noso idioma. Cumprindo co sinalado polo Consello de Europa e sumándose á proposta de bases para a normalización da lingua no ensino apoiada polas principais organizacións sindicais, movementos de renovación pedagóxica e as ANPAS galegas que reclaman o ensino en galego en todas as materias e etapas educativas. As crianzas e a mocidade galega precisan liberdade para non teren que entrar na escola falando galego e saír falando castelán e para que as que entran falando español saian sabendo galego para se poderen incorporar a el.

3) Liberdade para o galego na administración e servizos: Presenza e disponibilidade da nosa lingua en todas as actuacións e servizos  da Xunta, directos ou privatizados, na atención oral ou escrita, na sinaléctica e nas locucións para garantir o dereito ao uso do galego a toda a cidadanía en todos os servizos públicos e en todo canto deles dependa. Maceira recordou que no ano 2009, na mesma praza da Quinta, tivo lugar unha manifestación de odio ao galego ao grito de "paletos" e "libertad". Lamentou a presenza de Rueda, hoxe presidente da Xunta, na cabeza desa manifestación de "persoas non queren nada de galego nen nada de Galiza".

Porén, Maceira indicou que "reverter a situación do galego é posíbel", con máis mobilización social e con verdadeiro compromiso dos poderes públicos. "O galego ten futuro, porque somos miles para defendelo" afirmou, "mais non pode ser un futuro precario, ten que ser o futuro vizoso que queremos para Galiza".

Na mesma liña, Elsa Quintas, avogada e vicepresidenta da Mesa, iniciou a lectura do manifesto, recordando que "a tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel". O compromiso e a acción da sociedade demostran diariamente que a situación pode mudar. No último ano a mobilización conseguiu que unha importante multinacional do audiovisual anunciase a incorporación de versións á nosa lingua no seu catálogo. E é a mesma implicación cidadá a que está na orixe da sentenza do TSXG, da que a propia Elsa Quintas é responsábel en gran medida, que obriga á Axencia tributaria a respectar os nosos dereitos linguísticos.

Esther Martínez, representante das ANPAS galegas, defendeu que "un futuro novo para o noso idioma é posíbel", como demostran os centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma; as miles de persoas que reclaman atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia e que vencen as dificuldades e se propoñen falar galego sempre; as familias que se esforzan en transmitir a lingua malia non poderen contar con espazos fundamentais como o ensino, os xoguetes, deseños animados e toda a oferta imprescindíbel que lle é negada ao galego; ou como tamén demostran os concellos de todas as cores que se organizan para promoveren conxuntamente a normalización lingüística a nivel local.

Mónica García, actriz e representante do sector audiovisual galego, recordou que "toda esta mobilización colectiva precisa do acompañamento e do esforzo das institucións e dos poderes públicos", que ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos teñen a obriga legal de promoveren e garantiren a posibilidade de uso do galego en todo e para todo: garantindo o galego como lingua vehicular no ensino en todas as materias e etapas e nas actividades extraescolares, o seu uso en toda a administración, na xustiza, nas empresas; a súa dispoñibilidade no audiovisual tanto con producións galegas como a través da dobraxe e lexendaxe. "Precisamos xa un goberno que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego agora e sempre", concluía o manifesto lido na praza da Quintana perante miles de persoas.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 419