Imprimir

A Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, “exemplo de coherencia e compromiso” e símbolo do exilio mexicano

Información
Hoy es noticia | 17 Mayo 2022 | 375 votos

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), martes 17 de maio de 2022.- A Real Academia Galega celebrou este mediodía o pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán na Aira dos Bolos de Córgomo. Aquí, nos anos mozos do poeta, os corgomeses reuníanse a xogaren aos birlos, como el mesmo inmortalizou no poema que titulou co nome da súa localidade natal, “neste ano 2022 a capital literaria de Galicia e capital universal da lingua galega, esa Galicia infinda da que falaba o noso homenaxeado”, expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Pero co autor valdeorrés a festa deste 17 de maio viaxou tamén simbolicamente, por primeira vez, ata o México que o acolleu en 1939 como exiliado para “expresar pública gratitude aos homes e mulleres do desterro”. As alocucións académicas sobre Delgado Gurriarán de Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero puxeron o acento no compromiso democrático e cultural do autor, na súa contribución á construción do galego estándar e nos seus versos “matrióticos e patrióticos”, respectivamente.

Córgomo é hoxe a capital das letras galegas para todo o mundo, capital dunha lingua que nos une e nos identifica, unha lingua na que nos recoñecemos e na que viaxamos xuntos no río do tempo”, manifestou o presidente da Academia na clausura do pleno, na que agradeceu especialmente a presenza de Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, fillas de Delgado Gurriarán, e do seu neto Roberto, chegados dende México e os Estados Unidos para a ocasión; e enviou un saúdo afectuoso á súa viúva, Celia Teijeiro. A sesión plenaria arrincou cunha afectuosa ovación dedicada a eles e, deseguido, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a “Alborada de Veiga” e a “Muiñeira de Chantada”.

Víctor F. Freixanes tivo tamén palabras de agradecemento ás institucións e a sociedade valdeorresas que, arredor do proxecto As Letras de Florencio, desenvolveron “un papel especialmente activo como animadores e difusores da memoria de Delgado Gurriarán para que esta celebración fose posible”; e ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, que exerceu de anfitrión dunha celebración que continuou polas rúas da aldea cunha festa en comunidade, como lle gustaría ao homenaxeado, unha persoa que todo o mundo lembra como vital, alegre e amante da música e do baile.

O presidente da RAG concluíu a súa intervención dirixíndose ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que asistiu ao acto días despois da súa toma de posesión. “Dende a Real Academia Galega, que ten a encomenda institucional de velar pola lingua, facemos votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa. Non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan. Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento, integrando todos os axentes sociais que poidamos sumar”, dixo Víctor F. Freixanes.

Tres olladas ao autor: pensamento e acción política, lingua e literatura

A quenda de alocucións académicas sobre o homenaxeado arrincou cunha ollada de Ramón Villares ao pensamento e á acción política que amosou en tempos de paz, na guerra civil e mais no exilio un home cuxa biografía, “chea de adversidades e algún golpe de sorte”, é “exemplo de coherencia e compromiso”. Malia que puido tentar embarcar rumbo á outra beira do Atlántico nos primeiros momentos da guerra civil, a súa conciencia política levouno ao reencontro cos irmáns galeguistas na fronte republicana e chegou a ser mediador cos refuxiados para seren evacuados dende Francia cara a América, no que foi talvez o período “máis heroico da biografía enteira de Delgado Gurriarán”, repasou o director da Sección de Historia da RAG.

A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, detívose deseguido na lingua do homenaxeado quen, tomando como punta de partida a fala de Valdeorras, sempre tivo a vontade de “sumarse á construción colectiva dun galego culto válido para todos os habitantes da Galicia infinda”. “El aposta por un modelo idiomático que debe ser supradialectal, translocal, nacional; que debe procurar a enxebreza sen por iso afastarse artificiosamente do uso común e da doada comprensión dos falantes; un galego desacomplexado que non se automutile por un trabucado impulso diferencialista; un galego que debe beber da lingua do pobo, mais sen alentar por iso ningunha sorte de minifundismo lingüístico; un galego que debe aspirar á universalidade sen perder a súa esencia”, resumiu.

Da parte literaria encargouse Xesús Alonso Montero, que ofreceu análise da condición de Florencio de poeta matriótico e asemade patriótico: un cantor das cousas das terras de Valdeorras e tamén poeta cívico, das causas, en referencia aos versos galeguistas e sociolingüísticos que cultivou xa dende os tempos da República. O académico retratou así o poeta a partir dun estudo da súa produción nun período moi concreto, o comprendido entre 1931 e 1934, no que “transita con naturalidade dun xénero a outro”. No seu primeiro poemario, Bebedeira (1934), incorporou composicións publicadas previamente na prensa sobre a paisaxe valdeorresa, pero nos mesmos rotativos e no mesmo lapso de tempo dera tamén a coñecer outro tipo de poemas, “algúns decididamente comprometidos coa causa da galeguidade”, advertiu o académico.

Tres lances singulares nunha vida de compromiso democrático e galeguista

Ramón Villares escolleu “tres lances singulares” da biografía de Delgado Gurriarán para dar conta do perfil máis político do autor: a súa formación como galeguista no marco da “alborada cívica” que trouxo a II República; a súa fuxida de Galicia tras a sublevación militar, nun periplo que o levaría a Castela, Portugal, Francia, Barcelona e a fronte bélica de Aragón e Cataluña; e o episodio “máis heroico da biografía enteira” do corgomés, cando dirixiu dende París o comité galeguista que traballou arreo para socorrer galegos e galegas nos campos de internamento do Mediterráneo francés e sen recursos nin identidade oficial. O obxectivo era organizar a súa evacuación ao exilio americano, que sería tamén, en xullo de 1939, o seu propio destino.

A primeira destas tres estaxes, a da conversión da conciencia cultural en militancia política, arrinca en 1931, cando Delgado Gurriarán “vai integrando un grupo galeguista en Valdeorras e tecendo relacións co que sería o Partido Galeguista, fundado en Nadal dese mesmo ano”, explica Ramón Villares. Neste período, alén dos versos de Bebedeira, publica artigos de xornal “nos que debruza unhas liñas de pensamento claramente nacionalista”. “O que está a proclamar o autor valdeorrés é unha Galicia con autogoberno, dona de seu, pero unida ao que, anos despois, se chamaría alianza Galeuzca”, indica o historiador en referencia a “O que din os rumorosos” (1931), texto no que trata de dar respostas aos interrogantes dos “bos e xenerosos” do Himno de Pondal.

A “barreira de fogo e morte”, en palabras de Florencio, que provocou a sublevación militar obrigouno a fuxir coa axuda das redes da familia e das amizades, nas que tiña partidarios e mesmo dirixentes do chamado bando nacional. Ramón Villares afondou na estadía de Florencio en Barcelona, onde pasou todo o ano 38, “o que lle permitiu coñecer máis de preto unha das “nazonalidades irmás de Galicia”. Alí chegou a ser responsable de Propaganda na dirección do Partido Galeguista, colaborou coa Solidariedade Galega Antifeixista e tratou directamente cunha longa rengue de galeguistas, dirixidos por Castelao e Suárez Picallo. “Naquela etapa barcelonesa, ademais de convivir con militantes máis ou menos galeguistas, retornou á acción cultural e literaria publicando poemas na revista Nueva Galicia, inspirada polos comunistas, e non na Nova Galiza dos galeguistas. Estas escollas, máis que preferencias ideolóxicas, revelan a forte solidariedade que existía na colonia galega en Barcelona que, en certo modo, lle serviu a Delgado Gurriarán para o seu posterior traballo en Francia e tamén no exilio mexicano”, detalla o académico.

Outro exemplo do “exercicio de solidariedade alén das conviccións partidarias” de Delgado Gurriarán é o papel que desempeñou, de volta en Francia, no auxilio dos centos de combatentes de orixe galega que cruzaron cara a ese país dende Cataluña tras a caída de Barcelona. “Foi un caso máis da sorte que o acompañou en varias fases da súa vida, porque saíu con pasaporte oficial e visado francés”, aclara o historiador, que recorda que Delgado Gurriarán ficou, felizmente, libre da experiencia dos campos de concentración nas praias do Mediterráneo francés.

O valdeorrés conseguiu salvar moitos paisanos coa axuda de poucas persoas, un enlace fundamental na Arxentina, Rodolfo Prada, e a solidariedade dos emigrados en América, que achegaron fondos a través da Sociedades Hispano-Confederadas de Nova York.

El mesmo atravesaría o océano en xullo do 39 a bordo do Ipanema, xunto a case un milleiro de refuxiados, para se establecer en México. Alí, comparativamente, os galegos eran pouco relevantes no conxunto duns vinte mil refuxiados españois, pero malia esta e outras dificultades “o traballo de Delgado Gurriarán e do grupo galeguista foi superior ao que se podería esperar do seu reducido número de integrantes”. A presenza da lingua e da cultura galegas foi mantida en revistas como Saudade e Vieiros, nas que o poeta interveu activamente, e mais en encontros políticos. Entre estes últimos, Ramón Villares destaca a acollida que os galeguistas de México lle brindaron a Castelao cando o rianxeiro, á fronte dos catro deputados do Consello de Galiza, viaxou a ese país para participar na sesión das Cortes republicanas no verán de 1945.

A medida que as esperanzas de retornar ficaban choídas, Delgado Gurriarán tomou certa distancia, que non ruptura, cos medios do exilio en México DF, instalouse en Nueva Galicia e recuperou o contacto con vellos amigos do exilio interior. A súa primeira viaxe de volta a casa produciuse en 1968. A derradeira, en 1981, cando foi nomeado académico correspondente da RAG e membro de honra do Instituto de Estudios Valdeorreses. “Volver a Valdeorras foi máis ca un retorno. Foi pechar un círculo aberto na súa infancia e cultivado nos anos de mocidade antes da guerra civil”, conclúe Ramón Villares.

A lingua do poeta de Valdeorras

Tras o percorrido pola biografía do homenaxeado que realizou o historiador, Rosario Álvarez profundou na súa condición de poeta de Valdeorras dende a perspectiva lingüística, mais subliñou que foi tamén “parte dun proxecto colectivo que busca transcender as fronteiras do local, do mesmo xeito que ten que rachar coas limitacións de rexistros, temáticas e contextos” como escritor.

Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras, representa a fala desta comarca como sólido punto de partida, pero nunca pretendeu que a súa lingua poética fose un fiel reflexo da fala desta rexión galega”, advirte a académica. “Esa vontade de sumarse á construción colectiva dun galego culto válido para todos os habitantes da Galicia infinda compaxina moi ben, ademais, coas súas proclamas en contra da castelanización da lingua e da castrapización da toponimia”, analiza.

Como é de esperar, a lingua de Florencio está moi enraizada na variedade das comarcas orientais, con Valdeorras por centro, posto que foi a que oíu falar desde que naceu, a que levaron consigo os seus pais cando saíron de Galicia e á que volveu arreo. Hai, por tanto, unha sólida base de Valdeorras, que é moi visible no léxico”, recoñece Rosario Álvarez nun discurso cheo de referencias aos versos sobre a paisaxe natural e humanizada valdeorresa, inzada de cachois, cavorcos, pincheiras, cepeiras, viñaredos, caldeiras, poulas ou muradellas.

Pero á base familiar e veciñal valdeorresa únense “á mantenta” palabras procedentes doutras áreas xeográficas que Delgado Gurriarán escoitou aquí e acolá, “e moi principalmente as que proveñen das lecturas e do seu interese por aprender galego a través dos precursores, da literatura de tradición oral e dous seus mestres do Seminario de Estudos Galegos e outros círculos galeguistas”, detalla. A directora da Sección de Lingua sinala tamén as lecturas ou contactos en portugués, e mais a inserción nun contexto internacional contemporáneo, “coa circulación de préstamos impostos pola modernidade”.

Entre outros exemplos da combinación da pegada valdeorresa e desa vontade de ir alén do seu territorio, a filóloga detense no léxico que emprega para falar dos crus invernos: “Lembra con frecuencia os carambelos, usando a forma propia de toda esta rexión onde se reúnen Lugo, León e Ourense (outros dirían carambo, candeallo, candeoto etc.); pero cando se trata do pedrazo prefire, sen dúbida, a forma sarabia, un substantivo que dificilmente escoitaría por aquí. Non lle chista a forma granizo, tan frecuente nas zonas estremeiras, seguramente posta baixo sospeita de castelanismo; e quizais pola mesma razón foxe da solución pedrisco, que nós, nas enquisas do Atlas Lingüístico Galego, recollemos en Córgomo. Non: el opta por sarabia, propia dunha ampla área distante, pasado o río Miño, que ademais da súa eufonía trae recendo da portuguesa saraiva”.

A Florencio gustáballe xogar coa lingua, coa propia e coa allea”, valora a académica. Pero, ademais, gustáballe empregar a paisaxe lingüística de cada lugar non só como fonte de recursos lingüísticos “senón como manancial de materiais poéticos”, engade. Por iso xunto a formas que evocan inmediatamente Valdeorras (eles tein, foliois...), nos seus chamados poemas mexicanos acolle voces náhuatls e outros americanismos, tanto léxico común como topónimos autóctonos (jarocha, huapango...); a súa “esperta antena lingüística” recolle tamén con acerto a pronuncia hispana dos anglicismos que mechan a fala española da contorna mexicana ou imita a dos gringos estranxeiros; e, “co mesmo fino sentido do humor, imita cariñosamente o francés pronunciado por galegos en París”.

Rosario Álvarez apunta tamén como Delgado Gurriarán dá entrada ao castrapo, con intención paródica e de denuncia, como fai no poema “Carta de Guan de la Era al doutor Nuevo Campito”. Este é dos seus poemas sociolingüísticos, xénero ao que dedicou parte da súa intervención Xesús Alonso Montero.

Poeta matriótico e patriótico

Xesús Alonso Montero pechou a quenda de alocucións sobre Delgado Gurriarán cunha análise dos seus inicios como poeta, entre o ano 1931, na primeira etapa pública da súa carreira literaria, e 1934, cando sae do prelo o seu primeiro libro, Bebedeira. Nese período Florencio publica na prensa poemas de condición moi distinta: uns versos matrióticos ou das cousas, nos que se centra a súa obra inaugural, e outros patrióticos ou das causas, que quedaron fóra deste volume.

Nestes anos de mocidade, entre os poemas de Delgado Gurriarán abundan, por unha banda, os que “cantan e contan as cousas das terras de Valdeorras”, “a súa pequena e íntima patria, ou sexa, a súa matria”. Son composicións que, polo tanto, o converten nun “poeta matriótico”, seguindo o ronsel de Rosalía, quen de xeito maxistral inaugurou en Galicia a poesía matriótica cando en 1863 evocou “a hortiña que quero tanto”, di o académico. E con elas, Florencio fai que poucas matrias haxa tan ben poetizadas en Galicia como Valdeorras.

Pero nos mesmos anos Delgado Gurriarán tamén se manifesta como poeta das causas, cando escribe e publica tres poemas sociolingüísticos e “Xuntanza”, “unha especie de manifesto político en verso (Bos galegos, é hora de xuntanza, / a quen forte non é, ninguén escoita, / se queredes ser donos de gabanza, / ide xuntos á nobre loita, / se non, triste será vosa lembranza / e nunca terá fin a vosa coita) de decembro de 1931 no que se presenta como “poeta da causa política da galeguidade”.

Nos caso destes tres primeiros poemas sociolingüísticos, que terían continuidade noutros momentos da súa traxectoria, o que denuncia o autor é o desleixamento idiomático de certos sectores e individuos. Xesús Alonso Montero destaca entre eles “Falan castelán” (1934), onde centra as críticas nos que rexeitan o uso do idioma galego.

Un poema contra o efecto da invasión do eucalipto

O académico suxire que Delgado Gurriarán só incluíu en Bebedeira poemas matrióticos -na liña hilozoísta inaugurada polo pontevedrés Amado Carballo- quizais considerando que definirse como poeta cívico e patriótico “non conferise, dun xeito claro, o status de poeta poeta”. Pero entre as 32 composicións deste volume Xesús Alonso Montero chama a atención sobre “Tristura do souto mudo”, un canto aos castiñeiros e á paisaxe valdeorresa no que tamén hai unha mensaxe de denuncia: o efecto da introdución do eucalipto, que invade o vello souto e provoca a fuxida dos reiseñores e doutras aves. “Non sei de ningún poeta que denunciase, antes de 1934, en Valdeorras ou noutra comarca de Galicia, a asoballante invasión desta voraz especie australiana. Tampouco o fixo, dun xeito evidente, Delgado Gurriarán. Neste libro ofrécesenos como poeta puro, alleo a alegacións sociais e económicas. É tan puro, nestes 68 versos, que o que lle doe ao poeta non son as consecuencias ecolóxicas ou agroeconómicas; é o feito de que os ‘reiseñores troveiros’ tivesen que fuxir, incapaces de cantar nas pólas da árbore estranxeira (...). Quizais os reiseñores saben máis de economía do que moitos pensan. Valéndose deles, o poeta construíu un sutil texto poético en favor dos ‘petrucios castiñeiros e contra o eucalipto, o ‘novo rico da campía’”, concluíu Alonso Montero desexando que “os reiseñores canten en todos os recunchos de Valdeorras e da nosa terra”.

A sesión plenaria rematou coa interpretación do Himno galego por parte da Real Banda de Gaitas de Ourense.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 375