Imprimir

Reportaxe sobre a xestión da auga na comarca de Vigo

Información
Hoy es noticia | 25 Abril 2022 | 527 Votos
VIDEO REPORTAXE: https://youtu.be/b86IXnZmMFo
  • Ecoloxistas en Acción Rías Baixas realizou unha videoreportaxe para avaliar a marxe de mellora na xestión da auga na comarca de Vigo ante o anuncio da construción de grandes infraestruturas de captacións de auga.
     
  • A organización ecoloxista fai un chamamento a mobilizarse o día 8 en Ponte Caldelas para rexeitar unhas infraestruturas innecesarias que de levarse a cabo terían un grave impacto social e ambiental no ámbito da actuación.

A auga é un ben esencial, pero escaso. As cidades son grandes consumidoras de auga e o seu abastecemento ten unha enorme pegada ecolóxica. Na reportaxe producida por Ecoloxistas en Acción Rías Baixas avalíase tanto a marxe de mellora da xestión da auga en Vigo como o impacto dos proxectos propostos polo goberno municipal de Vigo para aumentar a capacidade de captación de auga. Uns proxectos que xeran unha gran rexeitamento entre a poboación da contorna polo seu grave impacto social e ambiental.

Ecoloxistas en Acción sinala que son moitas as voces críticas coa xestión da auga en Vigo. Hai moito que mellorar antes de chegar ao extremo de construir grandes infraestruturas. Na reportaxe representantes de forzas políticas viguesas constatan a grande marxe de mellora que ten a rede de abastecemento de auga. Para Xabier Pérez, voceiro do BNG, é imprescindible invertir na mellora da anticuada estación da potabilizadora do Casal para aumentar a súa capacidade de tratamento das augas procedentes da presa de Eiras. Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, remarca a necesidade de renovar e sanear a rede de abastecemento, xa que hai estudios que elevan até case un 40% as perdas de auga debido a canalizacións obsoletas.

A organización ecoloxista engade que ademais é fundamental, diminuir o consumo de auga. Para acadar un uso racional da auga sinalan medidas como a reutilización de augas depuradas, por exemplo para regar; diminuir o seu uso na fontes ornamentais ou o pago por consumo da auga doméstica, medida que se adoptou recentemente, pero que quedou en nada co incremento de taxas fixas, co que se segue sen incentivar o aforro. Medidas que deben ir aparelladas dun cambio de modelo da xestión da auga, unha municipalizacion do servizo para que non prime a lóxica do beneficio, senón un uso racional.

Un dos proxectos anunciados polo Concello de Vigo para aumentar a capacidade de captación de auga é o trasvase de auga do Río Verdugo cara o Oitavén. Estas actuacións afectarían principalmente ao Concello de Pontecaldelas, pero tamén ao da A Lama e Soutomaior.  Na reportaxe o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, denuncia que a construcción do trasvase suporía unha alteración dos caudais ecolóxicos dos ríos Verdugo e Oitavén, que xa non levan moita auga. Nunha situación de seca prolongada, a conca do río Oitavén atoparíase na mesma situación deixando sen auga de boca a poboación da contorna.

Outro dos proxectos que baralla concello de Vigo é a construcción dun novo encoro no río Oitavén, augas arriba da presa das Eiras, en Forzáns. Este encoro tería un grave impacto ambiental e social, destruiría o ecosistema fluvial e o patrimonio cultural.

Na reportaxe, a presidenta da asociación veciñal de Forzáns, Pilar Fernández, subliña que o emprazamento da nova presa, augas arriba da de Eirás, é unha fermosa paraxe que presenta importantes valores ambientais, pola súa diversa fauna e variada vexetación de ribeira, e un incalculable patrimonio histórico. Resaltan que a construción da presa afectaría a varios muíños e ao Camiño Real dos Arrieiros. Este camiño histórico, obxecto de promoción e reclamo turístico dende diversas institucións, vai desde Ribadavia a Pontevedra e no descenso da serra do Suído atravesa o río Oitavén xusto na zona afectada polo proxecto.

Unha conclusión clara se extrae da reportaxe: existen alternativas de xestión da auga que non pasen pola construcción de grandes infraestructuras prexudiciais para o medio ambiente. Xaquín Pastoriza, coordinador de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas, enumera as medidas que se deben acometer urxentemente: “Xestión racional dos recursos hidricos, optimizar o uso infraestructuras existentes, otenciar as comunidades de usuarias de auga e sobre todo, reducir o consumo de auga. En conclusión, precísase unha nova cultura da auga que priorice un uso eficiente e o seu carácter de ben común”.

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas demanda que fronte a crecente privatización e mercantilización da auga, é necesario favorecer modelos de xestión públicos, democráticos e transparentes dos servizos do ciclo urbano da auga. Porque a auga é un dereito, non un negocio.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 527