Imprimir

A Audiencia da Coruña condena a cinco anos e medio de cárcere a un home que atacou á súa cuñada mentres durmía ao confundila coa súa exmuller

Información
Hoy es noticia | 19 Abril 2022 | 451 Votos

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a cinco anos e medio de cárcere a un home que en xaneiro de 2021 agrediu cunhas tesoiras á súa cuñada cando durmía crendo que era a súa exmuller, pois a vítima se atopaba no que fora o domicilio conxugal coidando á avoa de ambas. A exesposa do acusado, segundo a sentenza, marchouse da vivenda para pernoitar noutra casa coa filla menor de ambos “por temor a que o procesado puidese atentar contra a súa vida ou raptar á menor”. O tribunal, que o considerou autor dun delito de lesións con medio perigoso, coa agravante de aleivosía, así como dun delito de malos tratos habituais, tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse e comunicarse coa súa cuñada durante oito anos e oito meses; e, coa súa  exesposa, durante seis anos e dez meses. En concepto de responsabilidade civil, foi condenado a indemnizar á súa cuñada con 6.350 euros; e, a súa  exparella, con 7.000 euros. 

 

 

Os maxistrados relatan na resolución que o condenado utilizou unhas chaves para acceder ao domicilio e, estando a escuras, na crenza de que era a súa exesposa, sorprendeu á súa cuñada mentres  durmía e apertoulle a caluga cunhas tesoiras que collera da cociña, “dicíndolle insistentemente que a ía matar, sen chegar a facerlle incisión, grazas a que non estaban afiadas e tiñan a punta roma, aínda que si varias feridas, á vez que lle tapaba o nariz e a boca, asfixiándoa ata o punto de desvanecerse levemente”.

 

“Ao verse atacada, xurdiu unha pelexa entre ambos, na que a vítima puido morder ao agresor na man dereita e meterlle un dedo no ollo, mentres este lle chegou a propinar unha puñada, caéndose ambos da cama e golpeándose ela na cabeza, conseguindo a muller quitarlle as tesoiras e lanzalas fóra do alcance do agresor, mentres el lle repetía que a ía matar e, despois, se mataría el”, indican os xuíces, os cales aseguran que, nese momento, a afectada recoñeceu ao seu cuñado, polo que lle dixo que non era a súa irmá e “conseguiu acougalo” ata que abandonou a vivenda.

 

Ademais, a Audiencia considera probado que o condenado, no últimos tres anos de matrimonio, “menosprezaba constantemente polo seu aspecto físico e polo seu peso” á súa muller, “empregando termos ofensivos e despectivos, o que facía frecuentemente en presenza da filla común”. O tribunal afirma na sentenza que estaba “obsesionado con manter ao seu lado á súa filla común e sometida á súa vontade á súa muller”. 

 

Para a Sala, o acometemento executado sobre a súa cuñada é “incuestionable”, pois a súa declaración resulta “absolutamente crible” e achega “unha visión conxunta do desenvolvemento do ataque”. Os maxistrados tamén manifestan na resolución que do conxunto das declaracións das dúas irmás chegan á convicción de que o acusado mantiña “unha conduta agresiva destinada a manter á súa muller sometida á súa vontade, no marco dunha relación asimétrica desde un principio”. Ademais, destacan que os informes periciais apoian “a realidade desta versión”.

 

Doutra banda, afirman que o comportamento do procesado, “aínda que falase de matar e matarse”, non se compaxina “cunha clara finalidade de causar a morte á muller”. Así, recalcan que exerceu unha “mínima forza” e que respondeu “de forma case inmediata ás interpelacións da vítima”. En canto ao medio empregado, unha tesoira de cociña, os maxistrados sinalan que “non é o medio máis adecuado para asegurar o resultado consubstancial a un propósito homicida”. Contra o fallo cabe presentar recurso.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 451