Imprimir

Aberto até o 31 de maio o prazo de presentación de traballos á VII Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

Información
Hoy es noticia | 24 Marzo 2022 | 669 Votos

A sétima bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, foi presentada esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que colabora coa iniciativa. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 31 de maio de 2022.

 

O acto abriuno Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, quen lembrou a importancia a figura de Nacho Mirás, a quen quere homenaxear esta convocatoria, un "xornalista e profesor que deixou unha fonda pegada" na Facultade. O director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño Pérez, salientou que a bolsa potencia os proxectos dos novos xornalistas, garantindo o futuro dunha profesión que se revela como "fundamental neses anos convulsos". 

Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, aproveitou a presenza na sala de estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual para animalos a presentarse á bolsa, destacando que esta significa "un empuxe para iniciar unha actividade que poida ter proxección de futuro" nun oficio con tanta inestabilidade laboral como é o xornalismo. Así mesmo, lembroulles que se teñen superado máis da metade dos créditos poden colexiarse sen custo ata remataren a carreira e contribuír así á defensa da profesión.

A Cousa e Zoom na Bagatela 

O acto acolleu tamén a presentación das dúas iniciativas que resultaron gañadoras da sexta edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’, a cargo dos seus responsábeis: A Cousa, un proxecto de Xulia Lomba Fernández, Yaiza López Otero, Beatriz Gutiérrez Caneda e Aida Vilariño García; e Zoom na Bagatela, de David Ferreiro Pérez e Raúl Novoa González.

A Cousa pretende facerse un oco no mundo da información e do entretemento galego, xirando arredor de nove áreas: música, literatura, arte, arquitectura, moda, gastronomía, deporte, saúde e política, que se abordan a través dos novos formatos xurdidos coas redes sociais, para achegar este tipo de contidos á xuventude. A Cousa comezou como un grupo de whatsapp para se converter nunha revista lifestyle en liña para as xeracións z e millenial, que rache cos prexuízos que dirixen este tipo de publicacións só ao público feminino. Esta tarde publicará a súa primeira entrevista, a Esther Estévez, a presentadora de Dígocho eu

Zoom na bagatela, pola súa banda,  é un proxecto multimedia e transmedia que pretende visibilizar a creadores de contidos culturais e artísticos de Galicia, co obxectivo de crear un espazo de difusión, crítica e análise para este tipo de temáticas. Cunha proposta que tamén fai fincapé na xeración z e nas redes sociais, Zoom na Bagatela aposta polas entrevistas personalizadas e os contidos audiovisuais de calidade, buscando situar as e os artistas na sua contorna. A selección das persoas entrevistadas busca a igualdade de xénero e a diversidade de disciplinas e estilos, indo desde as Tanxugueiras a artistas de proxección máis local.

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2022, 2021, 2020, 2019 ou 2018) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). 

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 669