Imprimir

Un xulgado de Vigo emite unha sentenza pioneira na que declara o dereito dunha empregada do fogar a cotizar por desemprego

Información
Hoy es noticia | 23 Marzo 2022 | 325 Votos

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo emitiu unha sentenza pioneira na que aplica a doutrina que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) estableceu nunha sentenza do pasado 24 de febreiro, segundo a cal a normativa española que exclúe das prestacións por desemprego ás empregadas de fogar é contraria ao dereito da Unión. O maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo, tras expor unha cuestión prexudicial ante o TXUE para que se pronunciase sobre ese asunto, declarou o dereito dunha muller a cotizar, como empregada de fogar, pola continxencia de desemprego. Desta forma, acolleu parcialmente o recurso interposto pola afectada fronte á Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS), á que condenou “a estar e pasar por tal declaración, o que supón remover sen demora os obstáculos que impidan ou dificulten ese dereito”.

 

 

No fallo, contra o que non cabe presentar recurso ordinario, o xuíz explica que a imposibilidade da recorrente de ser beneficiaria da prestación por desemprego, no caso de que sobreveña esa continxencia, deriva da ausencia de previsión para a súa cotización. Ademais, destaca que os datos estatísticos achegados no seu día pola recorrente reflicten “que a especialidade do réxime laboral de empregadas de fogar comprendía a mulleres en porcentaxes próximas ao 100 % dos afiliados”. Por iso, salienta que esa “realidade numérica” supón “un desequilibrio relevante, que sitúa ás traballadoras en desvantaxe considerable respecto do colectivo profesional masculino”.

 

O maxistrado deixa constancia na resolución do “paradoxo” de que a TXSS pretendese “xustificar a carencia da acción protectora en materia de desemprego neste réxime especial no obxectivo de conservación dos niveis de emprego neste ámbito”. Por iso, o xuíz indica que debe ser posible “lograr ambas as finalidades”, é dicir, por unha banda, “a determinación legal dunha acción protectora que non se limite á garantía de continxencias como as enfermidades profesionais e o accidente laboral, senón que cubra a eventualidade frecuente e perniciosa na súa afectación económica para a traballadora, que é o desemprego”; e, por outro, “o mantemento e aínda aumento do emprego regular no sector, con total belixerancia respecto das relacións laborais opacas”.

 

Na sentenza, tamén aborda “os efectos colaterais negativos” que derivan para a traballadora da existencia da limitación contida no artigo 251 da Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS), pois advirte que “non se cinguen á ausencia da prestación por desemprego, senón que se estenden a outros que derivan do seu esgotamento, ou que se supeditan a atoparse a traballadora nesa situación, asimilada ao alta”. Así, fai referencia a que “para que a traballadora poida ter acceso a determinadas axudas sociais orientadas a colectivos de desempregados, será preciso que esgote a prestación por desemprego, de modo que por non percibila nunca, estarán pechadas esas outras portas de protección social”.

 

“Como vemos, o desamparo social xerado pola carencia da acción protectora transcende á simple imposibilidade de percibir a prestación por desemprego e proxecta os seus efectos económicos desfavorables sobre a traballadora, profundando na desigualdade de trato respecto doutros traballadores”, recalca o xuíz.

 

A estimación da demanda é parcial porque o maxistrado non acolle a pretensión da empregada do fogar, que solicitaba unha proxección retroactiva, é dicir, que desde a presentación da súa solicitude administrativa, o 8 de novembro do 2019, se lle permitise exercer o seu dereito á cotización para a cobertura pola continxencia de desemprego, agora recoñecida. “Sen prexuízo de que o recoñecemento do dereito-deber de cotizar por esta continxencia se produza desde o momento mesmo desta sentenza, terá plena efectividade cando a Lei o desenvolva, disciplinando o seu contido, sen que esta circunstancia supoña que a efectividade deste pronunciamento sexa meramente programática, xa que a estimación da demanda supón o acollemento dunha pretensión condenatoria da TXSS, polo tanto, susceptible de execución forzosa no caso de que non se produza o seu cumprimento voluntario”, explica o maxistrado.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 325