DENUNCIA A AUSENCIA DE MEDIDAS “SERIAS E CONTUDENTES” POR PARTE DA XUNTA E CENSURA QUE FEIJÓO EMPREGUE O PARLAMENTO GALEGO COMO “FORO” PARA A SÚA PROXECCIÓN PERSOAL

Información
Hoy es noticia | 22 Marzo 2022 | 328 Votos | Correo electrónico | Imprimir

O voceiro parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, vén de censurar a ausencia de medidas “serias e contundentes” por parte da Xunta para facer fronte á crise do transporte e do sector primario galego. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento trala comparecencia urxente do presidente da Xunta a petición da oposición.

 

Neste marco, o dirixente socialista censurou que o presidente da Xunta empregue, “unha vez que rematou o seu periplo por España”, o Parlamento de Galicia como “foro para proxectar a súa imaxe para todo o Estado”, xa que dedicou “catro quintas partes” da súa comparecencia “a poñer deberes ao goberno do Estado” cando nos atopamos “nun tempo crítico” no que “a Xunta poucas medidas tomou, algunhas delas cosméticas” e “sen impacto económico” para a Xunta.

Está facendo –esta intervención- o presidente da Xunta ou o presidente do PP empregando o Parlamento de Galicia para unha proxección en ámbito nacional que de momento non ten?”, cuestionou Luis Álvarez, porque “que vostedes aceptasen esta comparecencia non é froito da casualidade”, xa que “necesita un foro de proxección mentres non ten outro” e, incidiu, “xa veremos a quen sacan do Senado”.

O nivel de compromiso –do presidente da Xunta- é bastante cuestionable porque non houbo unha medida seria e contundente”, sentenciou. “Non hai ningún cambio no seu discurso, todo é buscar culpables fóra, negando as súas competencias, que ten establecidas estatutariamente”, subliñou o responsable socialista, xa que “na práctica todas as súas solucións pivotan nun axente externo: o Estado”.

PIDE UN DIÁLOGO COAS FORZAS POLÍTICAS QUE VOSTEDE NON PRACTICA”

Neste sentido, sinalou que “pide un diálogo coas forzas políticas que vostede non practica porque, de momento, as medidas que coñecemos foron tomadas unilateralmente pola Xunta”, cuestión que se produce cando o presidente da Xunta aínda non deu resposta á petición de xuntanza remitida polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para abordar a “grave situación” que estamos a vivir.

Temos propostas, se vostede considera que non serven, é vostede moi dono de ter esa opinión, pero nos lle ofrecemos propostas, ideas e colaboración para afrontar xuntos esta situación”, subliñou o socialista tras volver tender a man e a “colaboración” do PSdeG.

Ao fío disto, Álvarez chamou a Feijóo a traballar nunha política económica “á altura do momento” para “acertar no destino máis eficiente e dinamizador dos recursos públicos, así como para garantir niveis razoables de equidade e benestar” porque “temos que acertar para afondar, entre todos, e tamén falo do goberno do Estado, nunha liña de recuperación sostible e positiva”.

CÓMPRE “CORRESPONSABILIDADE” POR PARTE DA XUNTA

Así, o dirixente socialista reivindicou a “corresponsabilidade” da Xunta que fai necesario “reformar” a planificación estratéxica da comunidade autónoma ante “o novo escenario” e “facelo coa orientación axeitada para sacar Galicia adiante” e “construír un escudo social de protección á cidadanía”.

Con todo, Álvarez incidiu no decálogo de medidas propostas polo PSdeG para afrontar esta crise como a redución das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica. “Vano facer vostedes?”, cuestionou ao presidente da Xunta, a quen tamén urxiu un plan de axudas dirixidas a autónomos e profesionais para compensar o aumento de custes no transporte ou unha redución no tramo autonómico de IRPF, tal e como detalla a iniciativa socialista lanzada a pasada semana.

Estamos preocupados” e, incidiu, “a situación require dunha actuación coordinada”, por iso “imos demandarlle ao goberno do Estado que tome medidas tamén para minimizar esta situación”.

MEDIDAS “ANECDÓTICAS” PARA O SECTOR AGRARIO

No plano sectorial, Álvarez denunciou o “problema estrutural” do sector gandeiro e, especificamente, do prezo do leite. “O problema da gandaría non apareceu onte nin en novembro”, xa que “o problema xa existía” e vostede “leva 13 anos gobernando a Xunta”, polo que “algo terá que ver coa grave crise” que está vivindo o sector.

Agora, lamentou, “anuncian medidas anecdóticas” como o anticipo de axudas directas da PAC para dar liquidez ou avalar a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros, que “nos parecen ben, pero non van solucionar a situación actual”.

O “IRRISORIO” BLINDAXE PARA O TRANSPORTE

En canto ao transporte, censurou o anuncio “irrisorio” do goberno galego de “blindar” con 3,5 millóns de euros o transporte público por estrada. “Cre que esta gran inversión vai solventar de forma eficiente a problemática do transporte ou é unha cifra para contentar ao sector?”, ironizou o socialista, tras reivindicar que o goberno de España anunciou onte unha “redución efectiva” de 500 millóns de euros dos costes dos carburantes para os transportistas.

Ademais, Álvarez puxo tamén en valor que a Comisión Europea, por iniciativa do Executivo central, anunciou que, nos vindeiros días, activará o mecanismo de crise contemplado no regulamento do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura que permitirá compensar aos pescadores polo encarecemento dos custos de produción.

AS “OCURRENCIAS” DE FEIJÓO

Con todo, o dirixente socialista concluíu censurando as “ocorrencias que tivo por aí adiante dentro da campaña electoral que vén de protagonizar” Feijóo. “Se Madrid é a terra da liberdade, que é Galicia? Un gulag?”, criticou, tras censurar tamén as afirmacións sobre violencia vicaria “asumindo un discurso radical de extrema dereita que humilla ás mulleres que son vítimas desta violencia, pero tamén á sociedade”.

social youtube xornalgalicia   feed-image