Imprimir

O xulgado arquiva a peza da operación Pokemon na que se investigou o concurso para adxudicar o catamarán turístico da Ribeira Sacra

Información
Hoy es noticia | 22 Marzo 2022 | 154 Votos

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo da peza da operación Pokemon relativa a un suposto amaño entre a empresa Hemisferios S.L., filial de Monbus, e responsables do Concello de Nogueira de Ramuín para que en 2014 lle fose adxudicada de novo a explotación do embarcadoiro de Santo Estevo, na Ribeira Sacra, un servizo que xa prestaba desde facía anos.

Na causa estaban investigadas nove persoas, entre elas as que en 2014 exercían como alcalde de Nogueira de Ramuín, secretaria interventora dese Concello, director comercial e director xeral do grupo Monbus. “Non hai elementos de xuízo suficientes para entender que uns e outros incorresen nunha conduta contraria ao ordenamento xurídico penal, non hai elementos de xuízo que nos permitan afirmar que Monbus recibise un trato de favor dos responsables do Concello de Nogueira na concesión da explotación das instalacións do embarcadoiro de Santo Estevo”, indica o xuíz no auto.

 

O maxistrado sinala que existen conversacións telefónicas nas que se pon de manifesto que os responsables de Monbus “non estaban satisfeitos co prego de condicións do concurso, ao faltar o prego de precisións técnicas, barallando incluso a posibilidade de impugnar o mesmo”, polo que, segundo salienta o instrutor, “parece razoable pensar que non foron eles os responsables da súa elaboración e redacción”, tal e como afirmaron os axentes de Vixilancia Aduaneira responsables da investigación.

 

Na resolución, indica que “non hai ningunha constancia obxectiva de que realmente por parte dos responsables do Concello de Nogueira de Ramuín se recibise ningunha proposta para incluír nas bases da convocatoria do concurso nin que na redacción das mesmas se fixese un tratamento favorable a Hemisferios”, sinala o xuíz, á vez que advirte que “non se debe esquecer que finalmente o concurso foi impugnado porque o buque ofrecido por Hemisferios non era un catamarán, senón un barco monocasco, o que, á súa vez, desembocou en que o concurso se vise afectado por unha resolución de caducidade, o que implicou que Hemisferios finalmente non obtivese a concesión da explotación do embarcadoiro”.

 

“É certo que resulta sorprendente que a oferta de Monbus fose a mellor, superando tan só por 100 euros á oferta de Mar de Ons, pero isto en absoluto é suficiente para levarnos a concluír que Monbus tivo un coñecemento previo das ofertas presentadas polas empresas rivais”, recalca o xuíz, quen lembra que “non se pode fundar un escrito de acusación en meras sospeitas ou meras teorías que non están acompañadas de feitos obxectivos que permitan apoialas”. Ademais, no auto incide en que hai que descartar que se producira calquera trato de favor a Hemisferios “desde o momento en que se constatou que finalmente o concurso foi declarado caducado e, en consecuencia, Monbus non puido facer efectiva nin gozar da devandita concesión, especialmente se temos en conta que das conversacións intervidas se infire que o obxectivo nese momento dos responsables de Monbus era conseguir que o concurso quedase deserto, obxectivo que finalmente non conseguiron”. Contra o auto cabe presentar recurso.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Hoy es noticia
Visto: 154