DENUNCIA O INCUMPRIMENTO DA LEI DE MEMORIA HISTÓRICA POR PARTE DA XUNTA AO MANTER SIMBOLOXÍA FASCISTA EN GALICIA

Información
Hoy es noticia | 20 Marzo 2022 | 247 votos | Correo electrónico | Imprimir

A voceira de Memoria Histórica do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar o incumprimento da lexislación sobre Memoria Histórica por parte da Xunta ao manter simboloxía fascista en Galicia. Fíxoo, hoxe, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión.

 

Non pode ser que 15 anos despois da aprobación da lei de memoria histórica sigan existindo simboloxías fascistas na nosa contorna cando existe unha norma que o prohibe”, sentenciou a socialista, tras defender o “necesario e urxente” cumprimento dun acordo parlamentario do ano 2008 no que se instaba a Xunta a eliminar toda simboloxía fascista e a promover a supresión dos nomes dos edificios que fan referencia a persoas partidarias da ditadura.

A pesares deste acordo e da vixencia da lei, censurou Castro, “moitos símbolos franquistas aínda persisten en fachadas, muros e outros elementos de edificios en Galicia”, o cal “deixa entrever o desleixo do goberno de Feijóo en materia de memoria histórica que elude a súa responsabilidade sobre esta cuestión”, xa que incluso “ten a obriga legal de controlar, instar e multar a quen manteña esta simboloxía nunha construción privada”.

Neste marco, a socialista urxiu ao goberno galego a elaborar un informe técnico onde se relacione toda a simboloxía fascista aínda presente no noso territorio, así como a propiedade destes inmobles, para poder dar cumprimento ao acordo plenario e á lexislación vixente.

Por último, Castro lembrou que a lei, aprobada no ano 2007, buscaba recoñecer e ampliar dereitos e establecer medidas en favor de quen padeceu a persecución ou a violencia durante a guerra civil e a ditadura. “Ademais dunha obriga legal, é unha obriga moral recoñecer a tantas persoas que sufriron a represión”, sentenciou.

Así, o documento establece que as administracións públicas tomarán medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura. Entre as medidas a tomar, a normativa prevé mesmo a retirada de subvencións ou axudas públicas a aquelas institucións que non cumpran a lei.

social youtube xornalgalicia   feed-image