O botafumeiro foi o protagonista dunha nova edición dos Luns do Ateneo, organizado polo Ateneo compostelá co nome ‘A ciencia que seduce á arte’. Os outros protagonistas, os conferenciantes, foron dous eruditos nas súas materias: Ricardo Vázquez, profesor de Física na USC, e Julio Vázquez, profesor de Historia da Arte na mesma universidade.
O salón de actos da Rúa do Vilar encheuse para ouvir falar dun elemento tan fundamental para Santiago como o botafumeiro. Julio Vázquez achegou datos históricos para coñecer os comezos deste elemento. A primeira vez que se fala do botafumeiro data "de 1426", como comentou o profesor. Aínda así, constatou que este primeiro comentario sobre o incensario non é determinante para saber cando foi a súa estrea. Aínda así, todo indica que este se produciu "entre o 1398 e o 1426". A data exacta podería situalo no 25 de xullo ou 30 de decembro de 1423, tres anos antes do primeiro Ano Santo.
Tamén se falou do primeiro propósito á hora de instalar este gran aparato na catedral compostelá, era "o de purificar o ambiente", afirmou. O interese polo gran incensario databa xa do Romanticismo, dun elemento que non se modernizou no apartado tecnolóxico nos seus case 600 anos de historia.
Despois chegou a quenda da física. O principal era coñecer o efecto que realiza o botafumeiro cando se pon en marcha. Ricardo Vázquez explicou o coñecido como resonancia paramétrica, un efecto parecido "ao dun neno balanceándose a si mesmo". As fórmulas matemáticas saíron tamén á palestra, ademais das explicacións de que a altura da Catedral, sobre 20 metros, era fundamental en cuestións como o número de tiraboleiros ou o ángulo que podía alcanzar. O físico afirmou que "nun lugar como O Vaticano, con 100 metros de altura, sería imposible coas súas características".
Notábase que era un elemento querido polos composteláns, e a cidade respondeu: bastantes persoas seguiron a conferencia de pé. A tarde rematou cunha ampla quenda de preguntas nas que o propio público participou nas respostas. O decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, presente no acto, transmitiu a súa experiencia como tiraboleiro e contou anécdotas sobre a peza.
O próximo luns será a quenda de Castelao, coa conferencia ‘As Teorías Artísticas de Castelao’. A charla correrá a cargo de Miguel Anxo Seixas, historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, a partir das 20 horas na Rúa do Vilar, 19.