O Concello de Nigrán ofrece o 6 e 7 de xullo a segunda edición do seu festival 'Solpor', un evento musical que une á sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro á tardiña coa música dalgúns dos mellores grupos locais. Neste enclave único terá lugar dende ás 20.00 horas e de xeito gratuíto os concertos de Nadie es Perfecto e Blackstereo o venres 6 de xullo e de Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club o sábado 7, todos eles grupos con fondas raíces na comarca.
O obxectivo é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán unha vez máis vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo. O evento reuníu o ano pasado a máis de 2.000 persoas nun ambiente moi familiar e, nesta ocasión, contará con postos de Chac-Mool (comida mexicana), Creps Roll (crepería), Fresh Pizza e Bocatería Lalo´s.