Luís Bará O portavoz de Ordenación territorial do BNG e deputado por Pontevedra, Luís Bará cualifica de “escándalo maiúsculo” que Rajoy inaugure mañá, sábado, último día do ano, as obras de ampliación da ponte de Rande sen estar finalizados os accesos do Morrazo nin resoltos os impactos negativos na parroquia de Chapela no concello de Redondela.
A intención de Rajoy e Feijóo, denuncia Bará, é “exclusivamente favorecer os intereses da concesionaria Itínere a través dunha cláusula incluída no convenio asinado no mes de novembro do ano 2011 que establece un incremento extraordinario de tarifas do 1%, de aplicación a partir de xaneiro, no ano seguinte do remate de ampliación das obras e a administración autorice a súa posta en servizo”.
O parlamentario asegura que esta decisión forma parte dunha longa cadea de beneficios acordados entre a administración do Estado e a empresa concesionaria e que conta “coa complicidade da Xunta de Galiza”.
Bará salienta que para máis escarnio ao nos país , a concesionaria está participada por un “fondo norteamericano” denominado Capital corsario. Fondo que ao se xuízo, actúa como autentica patente de corso” para obter beneficios multimillonarios a costa de todos os galegos e galegas que utilizan a diario esta infraestrutura.
Para o BNG, recalca o nacionalista, é unha “auténtica provocación e un insulto” que Rajoy e Feijóo participen destas decisións para favorecer os interese dunha empresa privada que prexudica gravemente os intereses de Galiza. A premura por inaugurar as obras obedecen ao cumprimento da cláusula do convenio para subir as peaxes porque de non ser inauguradas as obras , o devandito incremento tería que ser aplicado no ano 2019.
O BNG celebrou o pasado 27 de decembro un encontro na cidade de Pontevedra ao que asistiron todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos de Pontevedra e A Coruña afectados polo paso da AP-9. Na xuntanza, á que tamén participaron cargos de diferentes institucións, a portavoz nacional, Ana Pontón avanzou que o BNG presentará mocións nos concellos contra a suba das peaxes e reclamando a transferencia a Galiza da AP-9, iniciativa que igualmente será presentada no Parlamento galego tralo “vergoñento veto” desta reclamación no Congreso dos deputados