A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá co presidente do Celta, Carlos Mouriño, o convenio de colaboración económica entre ambas as institucións para a promoción do deporte. O convenio, asinado en presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, contempla que a Deputación lle achega á Fundación Celta de Vigo a cantidade de 200.000 euros.
Carmela Silva subliñou que era un "orgullo como celtista e viguesa asinar este convenio pero tamén como unha persoa que cre no deporte como un valor na nosa sociedade para a promoción persoal dos nenos e nenas". A presidenta da Deputación destacou que a proxección internacional de Vigo e de toda a provincia vai unida ao Celta de Vigo, algo no que coincidiu o presidente do club de fútbol, quen sinalou que sen o apoio das institucións, como neste caso da Deputación, sería case que imposible poder "saír fóra e manter as tres escolas en México".
Como contrapartida a esta achega económica a Fundación Celta de Vigo facilitará que todos os nenos e nenas da provincia poidan visitar o Museo do Real Club Celta mediante grupos escolares. Tamén lles facilitará o acceso aos partidos do RC Celta en Balaídos aos xogadores das escolas de fútbol da provincia nas categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
A Deputación tamén disporá de bolsas ou descontos para os nenos e nenas das escolas deportivas municipais que queiran acudir ao Campus Deportivo do Celta.
Pola súa banda, o RC Celta inserirá na camiseta do Celta B o logo da Deputación, ademais de diversa publicidade estática no campo de Balaídos e noutros eventos que organice o club de fútbol.