O XXII Festival de Teatro Universitario presenta en Lugo do 8 ao 19 de abril catro montaxes e dous micro proxectos

Información
Lugo | 03 Abril 2016 | 9618 votos | Correo electrónico | Imprimir

O XXII Festival de Teatro Universitario presentará en Lugo do 8 ao 19 de abril catro montaxes doutras tantas compañías universitarias, así como dous micro proxectos artísticos desenvolvidos polos actores latinoamericanos Pâmela Fogaça e Raymundo Rangel, así como pola madrileña Ángela Beltrán. Un relatorio sobre a dramaturxia de García Lorca, a cargo do director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, e un concerto sobre a música na vida deste xenial autor granadino, a cargo de Samuel Díaz, reforzan a programación desta nova edición do festival de teatro universitario, un certame que por vez primeira ofrece pases específicos para o estudantado de ensinanzas medias, ademais de ensaios e obradoiros de adestramento actoral abertos ao público interesado.

 

O director do Instituto de Teatro de Madrid, Javier Huerta Calvo, abrirá o vindeiro 8 de abril, ás 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a programación do XXII Festival de Teatro Universitario co relatorio ‘Luces e sombras de O Público’, a obra de Lorca que porá en escena a compañía de Teatro USC-Lugo o 17 de abril no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a formación universitaria dirixida por Paloma Lugilde ofrecerá os días 18 e 19 novos pases desta obra, algúns dirixidos a estudantes de institutos de ensino secundario.

 

As representacións teatrais programadas no marco deste festival, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, promovido pola USC en colaboración coa Deputación Provincial e o Concello de Lugo, comezarán o martes 12 de abril, tal e como avanzaron este venres a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva; o deputado provincial delegado da área de Cultura, Xosé Ferreiro, e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, na presentación do XXII Festival de Teatro Universitario.

 

A posta en escena de ‘Cinzas’, unha peza adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro e que toma o nome das obras completas de Rodrigo García publicadas baixo o título ‘Cenizas escogidas’, a cargo da Compañía de Teatro USC-Santiago de Compostela, abrirá o 12 de abril, ás 21.00 horas, a quenda de funcións no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario no que a Aula de Teatro Universitaria ‘ Maricastaña’ de Ourense presentará ‘Demediado’, unha dramaturxia de Fernando Costa a partir de ‘O vizconde demediado’, de Ítalo Calvino.

 

Un obradoiro aberto de adestramento actoral e de achegamento á ‘O Público’, de García Lorca, coa compañía de teatro USC-Lugo capitalizará o 14 de abril a actividade dun festival que, ao día seguinte, dará visibilidade a tres micro proxectos artísicos: ‘Cacao e Caña’, a cargo de Treta Teatro (Pamela Fogaça e Raymundo Rangel), ‘Raíz’, de Krilajo, e ‘Y si fueras ella?’, que ten por actriz protagonista a Ángela Beltrán.

 

A estrea de ‘O Público’, a cargo da compañía de Teatro USC-Lugo, será o domingo 17 de abril, aínda que as persoas interesadas poderán gozar o día anterior dun ensaio aberto no auditorio Gustavo Freire, que tamén acollerá novos pases desta montaxe o luns 18 e o martes 19 de abril. Asemade, en parello con esta actividade teatral, o auditorio da Casa do Saber acubillará o 18 de abril, a partir das 20.00 horas, o concerto ‘A música na vida de Lorca’, a cargo de Samuel Díaz.

 

A asistencia ás distintas actividades programadas ao abeiro do XXII Festival de Teatro Universitario é libre e gratuíta, aínda que, dado que a capacidade de asistencia para presenciar a función de ‘O Público’ está limitada a 100 butacas, as persoas interesadas deberán recoller previamente as entradas nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde se despacharán a partir do 15 de abril. Para asistir aos pases programados para institutos de ensino medio ou para participar nos obradoiros ofertados, que teñen prazas limitadas, cómpre facer a reserva previa en quenda de mañá no número de teléfono 982 821 513. 

social youtube xornalgalicia   feed-image