É o momento de reverter as cousas e a clase traballadora reclama solucións urxentes aos seus problemas. Xa non se pode agardar máis. É hora de repartir os froitos do crecemento económico, recuperar dereitos e rescatar as persoas. Toca negociar, mais tamén mobilizar para esixir que o diálogo social se traduza en resultados tanxibles. Así o manifestaron os secretarios xerais do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e de UGT Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, na manifestación de Vigo.
Chegou o momento de atender a cidadanía, saír da senda da desigualdade e a pobreza, reducir substancialmente o desemprego e impulsar un crecemento económico sostible, con máis e mellores empregos, mellores salarios, garantía para as pensións e o seu poder adquisitivo, así como recuperar as liberdades e dereitos democráticos perdidos nestes últimos anos de crise, que os gobernos do PP aproveitaron para mudar o modelo social deste país.
Hoxe en día, ter traballo xa non significa vivir dignamente. A pobreza laboral instaurouse neste país. As estatísticas e a realidade cotiá así o corroboran. No conxunto do Estado, máis do corenta por cento de traballadores e traballadoras con contrato a tempo parcial está nesta situación de xeito involuntario; seis millóns teñen salarios por debaixo do smi (310.000 en Galicia) e 3,6 millóns cobran a metade do salario mínimo (184.000 na comunidade autónoma). Os secretarios xerais de UGT e CCOO saben que é imposible vivir dignamente con estes ingresos.
Dende CCOO e UGT insístese en que hai que restituír os dereitos perdidos por mor dos recortes impostos, sobre todo, os derivados dunha reforma laboral inxusta, inútil e estéril que serviu mormente para destruír emprego, porque o pouco que se creou é de baixa calidade.
Malia que o Goberno do PP fala arreo de diálogo e concertación, as medidas e decisións que se están adoptando non van todas neste camiño. Preséntanse uns orzamentos, tanto en Galicia como no Estado, que non están deseñados para axudar as persoas, sobre todo as que saíron máis prexudicadas da crise. Neste senso, dende UGT e CCOO incídese na necesidade de poñer a andar a prestación de ingresos mínimos que os dous sindicatos promoveron a través dunha ILP.
Tras o último proceso electoral abriuse unha nova etapa parlamentaria na que o diálogo político vai ser moi importante. Con todo, tamén terá que selo o diálogo cos axentes sociais, porque as organizacións sindicais son a voz da clase traballadora e queren mudar as cousas. E, para isto, hai que combinar mobilización con negociación, presión e diálogo. As concentracións e manifestacións de hoxe foron as primeiras dun proceso de mobilización sostido no tempo: se o Goberno non muda de postura, de seguro haberá máis.
Hai razóns para a mobilización porque rematou a etapa das medidas unilaterais baseadas en recortes. Hai que mobilizarse para que as persoas sexan o primeiro.
É o momento de reverter as cousas aproveitando a reactivación económica: hai que loitar polo emprego de calidade; derrogar as reformas laborais; a Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local; o artigo 315.3 do Código Penal; os recortes en educación e no resto dos servizos públicos; reformar a fiscalidade; garantir as pensións; reforzar os sistemas de protección social e a igualdade real e efectiva; e protexer as persoas asiladas e migrantes.