O xornalista lugués Paco Nieto será o pregoeiro do San Froilán 2016

Información
Lugo | 23 Agosto 2016 | 6436 votos | Correo electrónico | Imprimir
O xornalista lugués Paco Nieto será o pregoeiro do San Froilán 2016

A Comisión de Festas do San Froilán acordou por maioría este venres nomear ao xornalista lugués Paco Nieto como pregoeiro do San Froilán 2016, segundo avanzou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ao finalizar a reunión. “Trátase dun profesional cunha gran traxectoria no eido da comunicación de Lugo, de recoñecido prestixio, que reúne sobradamente os méritos e requisitos necesarios para poñerlle voz ao pregón dos festexos patronais da nosa cidade”, subliñou a rexedora.

Nado o 19 de xuño de 1954, Paco Nieto, quen se amosou moi agradecido e satisfeito polo recoñecemento de pregoeiro, traballa dende os dezaseis anos na radio lucense. Ao longo da súa carreira profesional realizou máis de medio centenar de programas radiofónicos. Na actualidade pertence ao equipo de profesionais da emisora Radio Lugo - Cadena Ser, onde dirixe, todos os días de luns a venres ás 19:00 horas, o programa Club de Opinión, no que participan dúas ducias de personalidades lucenses como comentaristas de temas de actualidade.

Dende hai cinco temporadas dirixe e presenta os sábados entre as 12:00 e as 14:00 horas o programa Esto me suena, dedicado á música das décadas dos 50, 60 y 70 xunto con datos e anécdotas históricas de ditas décadas. Ademais, presenta en Telelugo o espazo A Tertulia.

Oferente a Rosalía de Castro Nesta xuntanza tamén se acordou nomear a Lupe Bao Reixa oferente a Rosalía de Castro, un acto que terá lugar o 9 de outubro, o Domingo das Mozas. Naceu o 12 de decembro de 1978 na parroquia luguesa de Santa Comba e é mestra de mecánica, ademais de escritora.

Autora do libro Mecánica poética e barbaridade, escribiu en varias publicacións colectivas como a revista Xistral, Poetas en Lugo ou Un feixe de poesía. Tamén formou parte do xurado do premio narrativo Ánxel Fole, que organiza o Concello de Lugo.

Entre outros asuntos, na Comisión de Festas tamén se deu conta de que aínda está aberto o prazo para presentar ofertas para a instalación de atraccións no San Froilán os vindeiros 4 anos, así como para as casetas e caldeiros de polbo ata o ano 2019. Ademais, o Concello mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na feira de gastronomía e artesanía Gastroarte, que este ano se muda á rúa Puro Cora, e para a contratación da producción integral de espectáculos, por lotes, na Praza Horta do Seminario, na Praza de Santa María e no patio do Edificio Administrativo do Concello.

A maiores, o Concello ten aberto o prazo de inscrición para o 3º Concurso de Polbeiras e Polbeiros do San Froilán ata o 23 de setembro, onde poderán participar un máximo de oito profesionais de Galicia.

social youtube xornalgalicia   feed-image