Carballo participa no Congreso Ciudades que Caminan no que se falará de mobilidade e accesibilidade universal

Información
Galicia | 13 Octubre 2016 | 3252 votos | Correo electrónico | Imprimir
Unha das actividades da I Semana Europea da Mobilidade, celebrada en setembro

Unha das actividades da I Semana Europea da Mobilidade, celebrada en setembro

A Concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, e o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, participan o xoves 13 e o venres 14 de outubro no Congreso Ciudades que Caminan que ten lugar en Torrelodones (Madrid) e no que se falará sobre mobilidade e accesibilidade universal. Así, o programa do congreso inclúe o desenvolvemento de varios grupos de traballo para falar sobre os beneficios do límite a 30 quilómetros por hora; de cidades para todas as persoas; ou da participación infantil nas políticas de mobilidade e espazo público.

Carballo participará nun faladoiro no que exporá algunhas iniciativas como o Pedibús, o Metrominuto ou as Multas da Vergoña

Ademais, o Concello de Carballo intervirá nun faladoiro con representantes dos concellos de Pontevedra, Ciudad Real, Córdoba, La Puebla de Cazalla e Torrelodones no que se abordarán boas prácticas en mobilidade sostible, seguridade viaria e accesibilidade universal. En concreto, Carballo falará das medidas cara a unha mobilidade segura, sostible e accesible, expoñendo liñas de actuación para o calmado do tráfico e a mellora da escena urbana ou medidas como a mellora do alumeado público ou a creación de carrís bici.

Conclusións da I Semana da Mobilidade

Así mesmo, explicaranse algunhas das iniciativas que xa se teñen posto en marcha no municipio, como é o caso do Metrominuto, o Camiño Escolar ou Pedibús, Apárcate en Carballo ou as Multas da Vergoña. Para rematar exporanse as conclusións que se tiraron despois da celebración da I Semana Europea da Mobilidade, na que durante unha semana tanto a administración local, como asociacións e entidades deportivas do municipio traballaron a prol da mellora da mobilidade urbana.
Por último, a Concelleira de Mobilidade e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, participará na Asemblea Xeral da rede Ciudades que Caminan, xa que forma parte da xunta directiva en representación do Concello de Carballo. Entre outros asuntos, abordarase a organización dos próximos congresos.

social youtube xornalgalicia   feed-image