"Sicixia", a película de Ignacio Vilar rodada en Carballo, premiada no XXI Festival francés Cinespaña de Toulouse

Información
Galicia | 11 Octubre 2016 | 3624 votos | Correo electrónico | Imprimir
Festival Cinespaña de Toulouse

O director Ignacio Vilar e outros membros do equipo recolleron o premio en nome de Marta

A película "Sicixia" rodada na vila de Carballo e tamén na costa do municipio en marzo deste ano, vén de ser premiada no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). A actriz fisterrá, Marta Lado, protagonista da cinta dirixida por Ignacio Vilar, recibiu o premio á Mellor Actriz polo seu papel de "Olalla".  O Presidente do Xurado, o actor francés Serge Avedikian, explicou na Gala de entrega de Premios celebrada o sábado 8 de outubro na Cinémathèque de Toulouse que o galardón servía para recoñecer un excelente traballo de interpretación a través dun desenvolvemento sutil e gradual do personaxe de "Olalla" e unha profunda expresión dos sentimentos, ás veces catártica, así como pola dignidade do personaxe protagonista feminino ao longo da fita.

O xurado salientou o excelente traballo de interpretación a través dun desenvolvemento sutil e gradual do personaxe de Olalla

A actriz, que non puido asistir á Gala, agradeceu ao Xurado que se fixara en "Olalla" e recoñeceu sentirse orgullosa de recibir o seu primeiro premio internacional amosando un anaco da súa terra, a Costa da Morte. Tamén convidou ao público francés a visitar a nosa terra e subliñou que nun momento no que as fronteiras rompen o mundo, "Sicixia" fala de namorarse do mundo do outro. O director, Ignacio Vilar, foi o encargado de recoller o premio e subliñou que este recoñecemento supón un grande pulo para o cinema rodado en galego.
Parabéns a todo o equipo!

social youtube xornalgalicia   feed-image