A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, e o Xerente do Consorcio Provincial, Roberto Jorge Correa, visitou este luns o parque Comarcal Anti Incendios e de Salvamento do Porriño, que forma parte do Consorcio, para felicitar aos seus efectivos polo "excelente traballo" que fixeron inmediatamente despois do accidente de tren, ocorrido o pasado venres, no que morreron 4 persoas e outras 49 resultaron feridas.
Carmela Silva salientou que como presidenta quería agradecerlles, persoalmente a súa entrega durante o descarrilamento, facendo unha labor que a presidenta cualificou de "matrícula de honra", xunto cos integrantes doutros parques, entre eles o de Vigo.