Goretti Sanmartín defende o valor “feito a man” na Mostra de Olería de Buño

Información
Galicia | 08 Agosto 2016 | 2751 votos | Correo electrónico | Imprimir

A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, participou na inauguración da Mostra de Olería de Buño e defendeu o valor do "feito a man", non só por seren pezas "con vida" que nos falan da nosa historia, tradición e cultura senón pola súa potencialidade tamén cultural e turística.

"A olería ten futuro, é parte do noso produto interior bruto, materia especial para a promoción económica, atractivo turístico e marca de identidade que transmite a tradición máis humanizada, a feita coas propias mans", sinalou Goretti Sanmartín na apertura da Mostra de Olería de Buño ao tempo que convidou a apreciar ás pezas "con vida" que falan do seu autor ou autora e que dan conta dun ritmo de creación moito máis apegado ao benestar e a natureza do ser humano. Recoñeceu así o traballo de artesáns e artesas como Carmen Isabel Labrador, presidenta da Asociación Oleira de Buño –organizadora da Mostra-, a primeira muller que comezou a traballar co torno hai xa case corenta anos.

Defendeu a "singularidade" e o carácter "xenuíno" da olaría feita con materiais humildes, mais con toda a riqueza do oficio aprendido a través das xeracións, da cultura que se transmite "e que é tamén materia coa que temos que construír o futuro", dixo.

Goretti Sanmartín parabenizou a organización da Mostra de Olería por ofrecer, cada ano, o reencontro con toda a tradición que rodea o oficio que é xa sinal de identidade de Buño.

No inicio da 33 edición dunha feira que se prolonga ata o 15 de agosto, Goretti Sanmartín convidou a participar nas actividades e a visitar o ecomuseo Forno do Forte, do que é titular a Deputación da Coruña, onde se desenvolverá a cocedura tradicional, para se achegaren aos segredos dun oficio que vén de lonxe, mais, segundo afirmou "queremos que teña futuro porque cada vez máis sentimos necesidade de volver ao espírito artesán e afastarnos do consumismo da produción en serie que é, como se está a ver, un modelo errado".

social youtube xornalgalicia   feed-image