O Consorcio de bombeiros informou do incendio de Fandicosta

Información
Galicia | 15 Julio 2016 | 2871 votos | Correo electrónico | Imprimir

Conclúe a necesidade dun protocolo autonómico para incendios en instalacións que almacenen amoníaco e a existencia permanente no CAE112 dunha dirección operativa e de mando as 24 horas os 365 días do ano

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu hoxe o Pleno do Consorcio Provincial de Pontevedra contra Incendios e de Salvamento, que se reuniu no Pazo Provincial. Na xuntanza tamén participaron os deputados provinciais Carlos Font e Javier Dios como vocais, así como o director xeral de Emerxencias da Xunta, Luís Menor, e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, José Manuel Cores Tourís e Ignacio López Chaves.

Dentro da orde do día, o Pleno aprobou  a adxudicación da contratación de dous vehículos autobomba urbanos lixeiros. Tamén deuse conta dos informes elaborados polo xerente do Consorcio en relación ás intervencións nos incendios que afectaron a Fandicosta o pasado 9 de maio e a unha vivenda unifamiliar en Fornelos de Montes o pasado 19 de maio.  O relativo a Fandicosta enviarase agora ao Parlamento de Galicia, tal e como lle foi requirido nun acordo aprobado polo Pleno o pasado 7 de xuño.

No caso de Fandicosta, o informe destaca a complexidade da intervención, xa que aos efectos dun típico incendio industrial, houbo que sumar ademais a perigosidade dunha nube tóxica nunha zona densamente poboada e a afectación dunha arteria básica de comunicación. Segundo o informe, as características construtivas da nave dificultaron aínda máis a extinción, algo que fixo imposible parar o avance do lume na nave A pero que si se puido facer nas naves B e C. Salienta a acertada decisión dos bombeiros de garda do Consorcio de non saír só cun vehículo de primeira intervención, senón de saír xa con todos os medios humanos e materias posibles, o que fixo posible tentar atacar nunha primeira fase o foco do incendio e despois realizar unha manobra defensiva para cortar o avance entre naves e para defender os tanques de amoníaco da nave A.

O informe do Xerente conclúe que é necesario establecer un protocolo específico autonómico para incendios en instalacións que almacenan amoníaco, como foi o caso de Fandicosta e é o de outras moitas empresas que o usan en refrixeración industrial. Ademais, destácase a ausencia en Galicia de medios materiais propios para a retirada do amoníaco, o que provoca un excesivo tempo de resposta para incidencias, o que supón un problema que sería recomendable solucionar de cara ao futuro. 

Así mesmo,  neste informe tamén se considera moi necesario que o CAE112 teña sempre en sala unha dirección operativa e de mando, non só informativa, técnica e cualificada as 24 horas do día os 365 días do ano. Trataríase dunha dirección para os diferentes servizos de emerxencias galegos dende o nivel O de emerxencia, sen ter que esperar ao nivel 1 coma na actualidade, converténdose así dende o primeiro momento no mando único de toda emerxencia que teña lugar no territorio galego; neste punto e pola representación da Xunta no consorcio informouse que o novo CIAE 112 da Estrada está concibido con esa filosofía tanto na súa construción como no seu equipamento.

No Pleno desta mañá tamén coñeceuse o informe elaborado polo xerente do Consorcio en relación ao incendio que afectou a unha vivenda unifamiliar no concello de Fornelos de Montes o pasado 19 de maio. Conclúese que esta intervención vén por de manifesto a necesidade de someter a estudo o mapa de emerxencias provincial, polo que adecuar o tempo de resposta ás necesidades xeográficas resulta un reto imprescindible para os próximos anos que debe abordarse por todas as administracións implicadas.

social youtube xornalgalicia   feed-image