Foto; Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela
«Por desgraza, as nosas previsións cumpríronse sen que a Xunta reaccionase», lamenta Bouza. CCOO reiterou en varias ocasións que o emprego creado nos meses anteriores era precario e de escasa duración. Con cada vez máis contratos a tempo parcial e cun predominio absoluto da contratación temporal —nove de cada dez dos contratos totais—, Comisións advertía da destrución de numerosos postos de traballo á volta do período estival, como así aconteceu.
Por outra parte, nos «profundamente negativos» datos do paro rexistrado do mes de outubro, a sindicalista ve o reflexo da maneira de gobernar do PP en Galicia, que aplicou na comunidade autónoma os axustes de gasto ditados desde Madrid, pero «con maior intensidade, se cabe». Isto provocou que a intervención do sector público para estimular o conxunto da economía fora menor ca no resto do Estado.
Con este panorama, Maica Bouza insta o próximo Goberno galego, que axiña se constituirá, a situar o emprego como a primeira das súas prioridades. Un novo Executivo que, a xuízo da sindicalista, ha contar outra vez cunha Consellaría de Traballo, departamento «fundamental» para a axeitada posta en marcha das políticas na materia.
Datos do paro rexistrado
No mes de outubro subiu o paro rexistrado por segundo mes consecutivo: 4.604 persoas paradas máis ca no mes de setembro, o que equivale a un incremento do 2,37 % (na media estatal, a suba foi do 1,20 %). Daquela, segundo os datos das oficinas do servizo público de emprego (SEPE), ao finalizar o mes de outubro había 198.940 persoas paradas (88.270 homes e 110.670 mulleres); dese total, 9.285 teñen menos de 25 anos.
Este mes o paro rexistrado subiu máis nos homes ca nas mulleres (2.824 parados máis fronte a 1.780 paradas máis). Por grandes grupos de idade, hai 623 menores de 25 anos máis en paro (+7,19 %) e 3.981 máis maiores desa idade (+2,14 %).
O paro rexistrado sobe en todos os sectores de actividade agás na construción (40 persoas paradas menos). En proporción, a suba máis acusada dáse na agricultura (1.022 persoas paradas máis, +15,80 %) e nos servizos (3.257 máis, +2,57 %), na industria hai 263 persoas paradas máis (a suba é do 1,12 %) e no colectivo sen emprego anterior, 102 máis (+0,62 %).
Desde o mes de outubro de 2015, deixan de constar como paradas 23.152 persoas menos nas oficinas do SEPE na nosa comunidade (−10,42 %). O descenso do paro rexistrado é maior nos homes ca nas mulleres (12.545 parados menos fronte a 10.607 paradas menos). Por grupos de idade, e en proporción, o descenso é maior en menores de 25 anos ca en maiores desa idade: hai 2.000 menores de 25 anos menos en paro (−17,72 %) e 21.152 menos no tramo de maiores desa idade (−10,03 %).
Por sectores de actividade, o paro rexistrado baixa en todos na comparación anual e, en proporción, o maior descenso dáse na construción. En concreto, en outubro deste ano había 4.415 persoas paradas menos na construción (−17,23 %) ca hai un ano, 3.510 menos na industria (−12,87 %), 887 menos na agricultura (−10,59 %), 12.719 menos nos servizos (−8,92 %) e 1.621 menos no colectivo sen emprego anterior (−8,91 %).
Análise da contratación
Un trazo definitorio da contratación é a elevada temporalidade. O 92,31 % dos contratos rexistrados no mes de outubro foron eventuais. En cifras absolutas, rexistráronse 86.274 contratos e, deles, 79.636 foron temporais.
En termos mensuais, baixou a contratación e, sobre todo, a temporal: 7.386 contratos temporais menos (−8,49 %) e 128 indefinidos menos (−1,89 %). Na comparación anual, rexistráronse 8.283 contratos máis e a suba máis acusada dáse na contratación temporal: 7.862 contratos temporais máis (+10,95 %) e 421 indefinidos máis (+6,77 %).
Afiliación á seguridade social
A afiliación á seguridade social evoluciona peor en Galicia ca na media estatal, tanto en termos mensuais coma anuais.
A afiliación media á seguridade social baixou en Galicia no mes de outubro, mentres que na media estatal subiu nun 0,57 % (101.335 afiliacións máis). A baixada en Galicia é de 1.335 afiliacións (−0,14 %) ata quedar a cifra de ocupación en 971.552 persoas. Segundo o réxime, hai 1.406 persoas afiliadas menos no réxime xeral (−0,19 %), 535 menos no de autónomos (−0,25 %), mentres que no do mar hai 606 afiliacións máis (+2,83 %).
En termos anuais, a afiliación avanza máis lenta en Galicia ca na media estatal (+2,14 % e +3,44 %, respectivamente). En cifras absolutas, son 20.346 persoas afiliadas máis ca hai un ano, pero a recuperación da ocupación é moi lenta porque en Galicia estamos por baixo do millón de afiliacións e aínda quedan por recuperar 100.687 para acadar os valores de hai oito anos.
Prestacións por desemprego
A cobertura da protección deteriórase de forma incesante. Segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en setembro de 2016 era do 51,1 % (hai un ano era do 52,5 %). E o gasto en prestacións por desemprego baixou un 10,5 %.
No mes de setembro de 2016, as prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 40,32 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 46,80 %. Así pois, en setembro de 2016 había 90.815 persoas a cobraren unha prestación por desemprego; son 12.633 menos ca un ano antes, e a repartición por modalidades era a seguinte: 42.501 percibían un subsidio por desemprego, 36.621 contributivas, 10.906 a renda activa de inserción e 787 correspondían ao programa de activación de emprego.