O Cemiterio Civil de San Amaro acolleu no día de hoxe a conmemoración do 68 aniversario do pasamento de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Un ano máis, o Partido Comunista de Galicia vén de reivindicar a memoria de loita, resistencia e dignidade de tantos homes e mulleres que deron a súa vida polos ideais democráticos e de transformación social e que ten o seu exemplo máis xenuíno na figura destes dous dirixentes comunistas galegos, asasinados no Campo da Rata da Coruña en 1948.
Eva Solla, Secretaria Xeral do PCG e deputada de En Marea, defendeu que "non bastarán dez, vinte, trinta ou os anos que fagan falta para homenaxear a Gayoso e Seone e a todas as e os militantes antifranquistas, non só polo que representan xa que son os iniciadores do camiño da resistencia anifranquista e da construción do futuro dos nosos dereitos". "Resulta unha vergoña que os xuízos do réxime franquista e que as súas consecuencias sigan sen ser anuladas. Non hai paz, non a democracia, sen verdade, sen xustiza, sen reparación. Son eles e elas os verdadeiros demócratas que fixeron que esteamos aquí, nunca máis os que gobernan aquí en Galicia e no Estado os dereitos conquistados", sinalou.
Doutra banda, Xesús Alonso Montero, presidente da RAG e militante comunista, declara "que os que impoñen a fame son os capitalistas. En Gayoso e Seoane estamos homenaxeando a todos aqueles que na súa época antes e despois combateron ao fascismo."
No acto tamén interviron Alberto Vilariño, secretario político do PCG na Coruña, Xesús Redondo Abuín, poeta represaliado e Paula Vázquez, responsable local da Xuventude Comunista. Para eles Gayoso e Seoane querían mudar o mundo de base e morreron pola loita contra a explotación e a opresión, por iso hoxe, e sempre os lembraremos para que non caían no esquecemento.
O acto contou coa presenza de Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea no Congreso, así como representantes da CRMH e de CCOO e doutras asociación do tecido social e cultural da cidade.