A instantánea é de Brais Lorenzo da axencia EFE.
Queremos expoñer a especial problemática que está a sufrir o persoal propio de reforzo do dispositivo contra incendios da Consellería do Medio Rural.
Os postos que se ocupan foron creados en Xullo do ano 2012 [Resolución do 5 de Xullo segundo o acordo do Consello da Xunta, polo cal se aproba a modificación da RPT (Relación de postos de traballo)] e a consecuencia, tamén, de varias demandas xudiciais de traballadores. Deste xeito, creáronse 436 prazas de diferentes categorías do SPDCIF que combaten os incendios forestais en Galicia,desagregados así:
Condutores de Motobomba
Emisoristas tanto nos Centros de Coordinación Provinciais e de Distrito como en bases de medios aéreos
Vixiantes fixos
Enxeñeiros Técnicos Forestais en Brigadas Helitransportadas e Técnico Superior
Bombeiros Forestais das Brigadas Helitransportadas das distintas categorías
Codificadores de datos
CUESTIÓN LABORAL E SITUACIÓN DO PERSOAL
Estes postos son de persoal laboral fixo descontinuo de tres meses, aínda que son prazas que non se atopan consolidadas, están ocupadas de modo interino e non aparecen incluidas no V Convenio Colectivo Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia, como ocorre cos traballadores fixo descontinuos,que prestan servizo 9 meses ao ano e co persoal de todo o exercicio.Esta situación de inestabilidade laboral vén arrastrando -coa Administración- dende hai anos,xa que hai traballadores que levan dende o ano 2000 encadeando contratos temporais de tres meses no verán,ata que no 2012 se pasaron a fixos descontinuos de 3 meses.
Deste modo,tal como estipulan os contratos, os/as traballadores/as de tres meses están limitados a traballar só nese espazo temporal e obrigados a ter dispoñibilidade nesas datas,polo cal danse varias circunstancias que fan que se produzan situacións de desigualdade e precarización:
-Por unha banda, a desprotección social e a limitación a efectos do dereito ao cobro do subsidio de desemprego non contributivo -axuda familiar- e para o futuro cobro dunha pensión contributiva.Porén, na Seguridade Social, consta que hai un contrato fixo descontinuo de tres meses e isto interrompe o proceso (numerosos traballadore@s foron requeridos pola S.S. para a devolución dos subsidios,logo de ser concedidos) e, tampouco,se podería solicitar o subsidio para maiores de 55 anos.Asemade,dada a tipoloxía do contrato,no suposto de que unha persoa estea de baixa na data da súa reincorporación ao servizo (por exemplo,unha maternidade) ,non posibilitaría a súa alta na Seguridade Social,quedando desprotexida nese eido.
-Por outra banda, a imposibilidade para optar a facer substitucións -cando hai baixas ou xubilacións- a través das listaxes de contratación do Decreto 37/2006, ademais de non poder cubrir prazas non vacantes non só no Servizo de Incendios, senón en calquera Corpo da Administración Autonómica, posto que - para a Xunta de Galicia - xa están ocupando, de feito, unha praza. Considerando que só traballan eses tres meses de alto risco e que contan con experiencia en varias campañas de verán, o persoal de 3 meses estaría ,perfectamente , cualificado para facer esas substitucións o resto do ano que non estean contratados, sendo cubertas estas prazas,en moitas ocasións, por persoas con menor experiencia e puntuación.
PERÍODO DE ALTO RISCO
As prazas do persoal de tres meses están cubertas de xeito interino e só comprenden o período de Alto Risco declarado pola Consellería do Medio Rural (meses de xullo, agosto e setembro).Porén, no presente exercicio do 2016 , a propia Consellería ampliou dito período de Alto Risco ata o 15 de outubro (dada a previsión metereolóxica,as altas temperaturas dos últimos días,o nivel de humidade, o estado da biomasa vexetal e do solo e de máis factores que inflúen de maneira determinante na propagación dos lumes forestais) e prescinde dos servizos do persoal de tres meses - sendo cesado o día 30 de setembro - que é parte fundamental do operativo, polo que o Servizo queda moi mermado, non podendo cubrir as 24 horas;xa que non hai persoal suficiente e facendo que a loita contra o lume sexa moito máis dura e insegura para o persoal que traballa 9 e 12 meses ao ano.
Hai un indicador chamado IRDI (Índice de risco diario de incendios forestais) que, neste intre, marca un risco alto en gran parte de Galicia (pódese consultar, libremente , na páxina web da Xunta de Galicia).
Así, moitos camións motobomba quedan parados e sen condutores (o lume apágase grazas á auga que transportan e ofrecen os camións), as casetas e torres de vixiancia permanecen baleiras e sen persoal para a detección dos lumes (sendo vitais para unha correcta localización,unha rápida reacción e un seguemento da súa evolución), algúns helicópteros quedan inoperativos,sen brigadas helitransportadas e sen técnicos forestais que fan tarefas de dirección (non sendo eficaces e causando un desaproveitamento dun recurso como é o helicóptero que supón gastos elevados), as emisoras de comunicación con persoal baixo mínimos (non dando cobertura durante as 24 horas e imposibilitando a coordinación dos medios que participan nun lume),as oficinas dos distritos forestais fican sen codificadores (impedindo un adecuado tratamento e procesamento dos datos dos incendios),etc…
Dado que, neste verán, a incidencia en número de incendios foi devastadora con cuantiosos lumes de nivel de alerta 2 -damnificando a persoas,infraestruturas,bens materiais e forestais- ademais de virulentos e afectando a superficies elevadas - máis de 20.000 hectáreas queimadas - , resulta evidente que o colectivo de traballadores/as de 3 meses é imprescindible (pola dilatada experiencia en campañas de verán, na detección , extinción e organización no combate dos lumes forestais) para ter o operativo ao 100%; e resulta unha imprudencia por parte da Administración non contar coa súa colaboración, ao mesmo tempo que, dende a Vicepresidencia da Xunta, non se axusta á realidade ao afirmar, literalmente, que: “manterase activo o operativo especial despregado contra os incendios forestais, namentres haxa risco”
SITUACIÓN DO DISPOSITIVO NA LOITA CONTRA OS LUMES FORESTAIS EN GALICIA.
Na loita contra o lume en Galicia, ademais do persoal propio que compón o SPDCIF, seguen a existir varios entes: públicos de xestión privada (SEAGA e TRAGSA), empresas privadas (como NATUTECNIA que xestiona case a totalidade do persoal das brigadas helitransportadas); como ,tamén, as propias empresas de medios aéreos (como INAER…). Estes recursos si permanecen nesta ampliación do período de Alto Risco; así como os medios contratados polos propios Concellos (que asinan convenios colaborativos coa Xunta de Galicia para a contratación de condutores de motobomba e brigadas e que, en liñas xerais, teñen unha capacidade operativa limitada na loita contra os incendios).
Todo isto fai que se tenda á progresiva privatización e á disgregación do Servizo, o cal non favorece a óptima coordinación dos entes participantes, incidindo moi negativamente, na extinción dos lumes que asolan - cada ano - os nosos montes con graves e incalculables perdas ecolóxicas, económicas e sociais para o noso País. O lóxico e eficiente sería ter un Servizo de Incendios único, público, igualitario e profesionalizado, cunhas condicións laborais dignas, que non estean baseadas na precarización dos seus traballadores e fundado nos principios de igualdade, mérito e capacidade.
PREVENCIÓN
Por último, está un tema de gran trascendencia e no que a Xunta fai fincapé como é a política de prevención, caendo nunha contradicción, posto que apenas se leva a a cabo e dependendo, case sempre,de que as condicións metereolóxicas sexan favorables para que o efecto dos lumes sexa menor.
Para facer unha política forestal eficaz de prevención, cómpre facer previsións antes da campaña do verán con: desbroces ou rozas, limpezas, eliminación das matogueiras,elaboración de devasas ou cortalumes e mantemento das infraestruturas (accesos,pistas,puntos de auga,...)
Tampouco,hai que esquecer temas tan prioritarios como son promover a educación e a concienciación medioambiental (erradicando a chamada “cultura do lume”), organizar o terreo, adoptar medidas que reduzan o abandono do rural, colaborar cos propietarios forestais a cas Comunidades de Montes, resgardar os espazos naturais protexidos e a Rede Natura, pór en valor e ordenar a inmensa riqueza forestal que ten Galicia e fomentar a productividade do monte con silvicultura e criterios de sostibilidade.
Desta maneira, poderíanse mitigar os efectos do lume e minimizar as perdas económicas e medioambientais.
Todas estas tarefas fan que a contratación do persoal de 3 meses durante máis tempo estea máis que xustificada, ampliando e diversificando as súas funcións e , así ,facer unha axeitada prevención nas tempadas do ano de menor risco de incendios. Por enriba, habería que mencionar o factor de desestacionalidade dos lumes forestais (non só arde no verán, senón que tamén ocorre noutras épocas do ano, e cada vez, desgraciadamente, con maior frecuencia).
En resumo, considérase que o labor do persoal de tres meses é fundamental para combater os lumes forestais, para evitar os mesmos e reducir os seus efectos, á vez que se loita contra a precariedade laboral e contra a privatización dun colectivo tan importante en Galicia como é o persoal que,ano tras ano,se enfronta ó lume que arrasa os nosos montes.