22.08.2016.- O equipo que dirixe Alberto Varela xa puxo de manifesto a súa preocupación ante a proximidade da tempada de choivas na xuntanza que o pasado venres mantivo a conselleira do Medio Rural con munícipes dos concellos da provincia afectados polos incendios do último mes. O representante de Vilagarcía, o concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, aproveitou o encontro para demandar á responsable autonómica unha urxente actuación nos montes arrasados polo lume para que, chegadas as choivas, as cinzas e restos das queimas non sexan arrastrados cara os leitos e colapsen a circulación das augas, como aconteceu en 2006. Dende a consellería asegurouse que se ían a realizar labores de repoboación e outras medidas para impedir o arrastre de terra e restos das queimas, aínda que tamén recoñeceu que a escasez de fondos tería que limitar as zonas nas que actuar, o que non contribuíu a rebaixar a preocupación do executivo vilagarciá que fará toda a forza posible para que Vilagarcía sexa blindada na prevención das inundacións. Nesta liña se enmarca o escrito que se remitirá a Augas de Galicia e que irá acompañado dun dossier de imaxes da actual da situación na que se atopan os ríos e regatos do municipio, especialmente aqueles cuxo curso discorre polas zonas afectadas polos lumes ou as súas inmediacións, xa que neles reverterán as augas e todo o que estas arrastren cando comecen as choivas. |