LUMES E EMERXENCIA CLIMÁTICA

Información
COLUMNA | 20 Julio 2022 | 846 Votos | Correo electrónico | Imprimir

 1594192305875

A necesidade de que triunfe a variedade sobre as máis intelixentes unificacións.

Ramón Otero Pedrayo, 'Marx e a balalaika'.

Seceda, Riodolas, Prado Albar, Carballeda de Valdeorras, Candeda, Aldea de Vilar, Saa, Oímbra, Verín. Serra da Culebra, Gêrés, Serra da Enciña da Lastra...arden os topónimos ricaces, as vivendas, xoias do Patrimonio etnográfico, espello da nosa cultura ancestral, a montaña e a bocarribeira, as queirugas e as devesas, as rutas sendeiristas... e arriscan a vida os bombeiros forestais. En desaloxo, fuxe a veciñanza rural, os derradeiros habitantes que resistiron ao forzado éxodo rural.

 

Dende a gadoupa desenrolista do ICONA franquista e as súas primeiras repovoacións de piñeiros, deica a mafia do monocultivo eucalital, o noso territorio, desposuído do comunal, entregado ás multinacionais pasteiras e ao saqueo mineiro e enerxético, esmorece a mans dun governo colonial.

Os intereses creados pola industria do lume arrasan o territorio e a conciencia veciñal. A alcaldesa do PP de Folgoso do Courel amósase impotente e disque nunca imaxinou unha situación así. Devería pedirlle contas ao seu partido que é responsabel desta abraiante política forestal presta a chantar eucalitos dende a Serra da Lastra e o Suído deica as fontes do Miño aló na belida Serra de Meira. Monocultivo de eucalito para as multinacionais pasteiras que acabaron con miles de empregos do mar en Pontevedra e converteron a súa ría nunha noxenta cloaca. Monocultivo pirófilo en todo o monte galego, aveirando vilas, campos e aldeas para facer da Galiza verde unha gadañenta ratoeira infernal.

Mentres as lapas converten en cinzas as aldeas e os parques naturais Impulsa Galicia, esa sociedade creada pola propia Xunta para fomentar proxectos que capten fondos europeos de reconstrucción, fai de celestina da multinacional portuguesa para instalar unha planta de biofibras na Finca Río Seco, entre Palas de Rei e Melide para producir celulosa. Desviarán 200 millóns de euros con cargo a fondos públicos a través dos fondos rexionais FEDER 2021-2027, que como o mesmo nome indica, feden que alcatrean.

Así que cando merquemos unha camiseta de Lyocell, esa fibra sostivel, pode que nin veña de asolaren de eucalitos as selvas da Amazonía ou o fogar dos derradeiros orangutangos das selvas de Borneo senón de relocalizar a produción cun Perte da rotunda economía circular, afeita xa a circular tambén polos territorios das colonias europeas do sul.

Algúns medios de comunicación de avangarda xa ousan falar de emerxencia climática agora que o cambio climático é unha evidencia desclasificada. Incluso son quen de tertuliar encol da relación entre vagas de calor abafantes e incendios incontrolados arrasando o planeta. (Agudas mentes do progreso!).

Mentres, e segundo unha ecoloxista, a veciñanza do Courel, pídelle á Xunta equipas de protección individual para facer de cada galego de nacencia, un brigadista. E ninguén descarta que ese poida ser o vindeiro plan de prevención de incendios do governo. Esperemos que para o 2027 o FEDER xa teña un convenio con Amazon para enviar extintores a pé de porta xunto cos ventiladores e o aire acondicionado. Maravillas do livre mercado. Anque para entón Beezos xa terá recreado as aldeas e carvalleiras galegas no espazo intersideral. Iso si, coa colaboura do conselleiro do Medio Rural, ao que non lle quitará o sono que a deslocalización extraterrestre do tecido empresarial da industria incendiaria (motobombas, avionetas…), e o seu custoso transporte esqueza a urxencia da descarbonización e o conseguinte aumento do GEI, eis, os gases de efecto invernadoiro, principais causantes da Emerxencia climática. Ao fin, a escusa do gas que non chega de Ucraína converteu a ilusoria transición enerxética nun conto de fadas para nenos.

Parece que Galiza concentra a meirande cantidade de topónimos de Europa porque a querencia da paisanaxe pola paisaxe era tan fabulosa en recuados tempos, antes do capitalismo global, o vencello coa terra dos devanceiros era tan rexa, que bautismavamos cada recuncho do noso territorio. Incluso levando eses nomes sagrados cos emigrados ás novas terras. Porque o nome humaniza e o territorio galego -a dicir do douto ensaísta da paisaxe, Otero Pedrayo- está ou estava fondamente cultivado. Como escreve Craig Patterson en O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade galega, a obra de Pedrayo e maiormente Devalar (decorrer ou devir da paisaxe como un proceso) condensa a relevancia cultural da paisaxe en Galiza. A proxeción do ser sobre a paisaxe e a natureza. A continuidade do tempo e da casa na tradición da vida común nunha terra enchoupada de vestixios das xeracións pasadas.

O monocultivo do lume é un coitelo cinsento no cerne do noso povo. Unha creba insalvable na identidade. A creba do espello territorial galego, un Soutelo sen castiros, unha Carballeda de abrótegas calcinadas, un Prado Albar sen espiños, sen aciñeiras unha Serra da Enciña.

Quando os lobos uivam na Serra de Milhafres e os terrenos baldios -que eran un ben comunitario de sustento-, foran expropiados durante o salazarismo portugués e luitados polos beirões como nos conta o grande escritor Aquilino Ribeiro. O noso povo luitava tambén entón daquela os montes comunais, magoa de seren nestora tantos, eucalitizados.

Mais há espranza nun povo que pariu ao grande Fontán, guieiro do grande Pedrayo. Un povo que publica teses doutorais como a de María López Sández, Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. Un povo galego enchido de contradicións entre a épica da gadaña e a lírica paralizante da saudade. Há espranza nesta vella terra aldraxada e sumisa ás vértoláns comenencias dos ventos do capitalismo global. Unha terra que fronte ao monocultivo incendiario da nefasta política agroforestal, é quen de ir artellando brigadas de deseucalitización.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

social youtube xornalgalicia   feed-image