Elena Espinosa advirte que a transparencia nos contratos das entidades do sector publico autonómico “é unha condición clave para evitar a corrupción na contratación pública”
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024. A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe a opacidade nos datos feitos públicos polo goberno galego con relación aos contratos das entidades instrumentais. A responsable socialista presentou unha iniciativa na Comisión de Economía do Parlamento para reclamar transparencia nestes contratos, que foi rexeitada polo PP.
Espinosa advertiu que “a transparencia é unha condición clave para o fomento da integridade e para evitar a corrupción na contratación pública”, e acusou ao goberno galego de furtar os datos de contratación das entidades que dependen dela.
Advertiu que a información da Plataforma de Contratos non é homoxénea, o Rexistro de Contratos non recolle tódolos datos e os datos estatísticos que presentan non permiten distinguir os que corresponden ás entidades instrumentais.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que normalice os documentos dos expedientes de contratación, cumpra coas esixencias de xustificación e as modificacións contractuais, estenda o xestor electrónico de expedientes a tódalas entidades instrumentais e habilite novos campos na Plataforma de Contratación.