Carmen Rodríguez Dacosta esixiu no Parlamento a retirada do anteproxecto de lei a través do que os populares pretenden perpetuar o control sobre unha CRTVG que baixo o seu Goberno acumula 400 sentenzas en contra en materia laboral, 336 venres negros de protesta do cadro de persoal, unha folga indefinida dende hai un mes, a externalización de programas e a perda de 113 postos de traballo dende o 2009
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra a lei de medios públicos de Galicia e se sente a negociar cos traballadores da CRTVG, que levan en folga indefinida dende o pasado 7 de outubro. En concreto, esixiu o desenvolvemento do estatuto profesional e do consello de informativos que figuran na normativa vixente, para “fortalecer a calidade, a profesionalidade e a independencia dos contidos informativos”, e a retirada do anteproxecto de nova lei que pretende “dotar ao PP do control absoluto dos medios públicos, borrando calquera participación profesional que non siga as pautas editoriais do Partido Popular, ademais de constituír un ataque sen precedentes aos dereitos lingüísticos”.
Na defensa dunha iniciativa que se debateu esta mañá na sesión plenaria, Dacosta criticou que o anteproxecto de lei “está deseñado para os intereses electorais do PP”, ademais de mermar “ata límites nunca vistos a independencia xornalística e a función do ente público”. A iso engádese que para a elaboración do texto “non se escoitaron as propostas nin do Colexio de Xornalistas, nin das asociacións periodísticas, nin aos traballadores da CRTVG, nin aos sindicatos, nin aos partidos políticos, nin a outros colectivos vencellados á cultura e á lingua”. Tamén se ignoraron as directirces estatais e do regulamento europeo, “de obrigado cumprimento” e que advirte dos riscos da inxerencia política na liña editorial ou na gobernanza dos medios de servizo público “cando non existen salvagardas ou son insuficientes”.
Á vista de todo o anterior, a parlamentaria do PSdeG advertiu de que a cidadanía “vai sufrir un retroceso do dereito a recibir información veraz e obxectiva” se se chega a aprobar a nova norma. “Os informativos poderán ser externalizados”, diminuirá a xa “escasa” produción propia, imposibilitarase a “total cobertura” da información local e quedará no aire “o mantemento das delegacións territoriais”, enumerou entre outras amenazas.
A maiores, a deputada socialista sinalou que a futura norma prevé a creación dun consello asesor de 15 membros, “todos eles elixidos por organismos controlados polo PP”, como tamén freará a promoción e difusión da lingua galega. A iso súmase a falta de regulación sobre intelixencia artificial, “co dano que pode facer á credibilidade dos contidos”.
“Retiren este anteproxecto”, demandou Carmen Rodríguez Dacosta, ao tempo que instou á negociación coa parte social da CRTVG co fin de recuperar a produción interna e buscar solucións á folga indefinida.
Na súa conclusión, Dacosta resumiu a situación duns medios públicos galegos sumidos na “manipulación” e na “falta de pluralismo”. “Non existe obxetividade, imparcialidade, veracidade nin moito menos neutralidade informativa”, denunciou. Tampouco se respectan os dereitos laborais “por moito que o negue o señor Izquierdo, con máis de 400 sentenzas que condenan a súa actuación en materia laboral ou a imputación de directivos por acoso”.
Mentres, dos 996 traballadores e traballadoras que había durante o Goberno de Emilio Pérez Touriño, pasouse nos mandatos do Partido Popular a 883, “113 menos”. No proxecto de Orzamentos, “os gastos en propaganda soben na CRTVG máis do dobre que os do persoal”, o cal considera “bastante ilustrativo”.
Nese contexto, a compañía decidiu externalizar o programa que substitúe “A Revista”, producido con medios propios durante máis de 20 anos. “Botando contas, custa uns 5.000 euros máis cada hora”, denunciou a deputada do PSdeG.
“Folga, paros indefinidos, 336 venres negros… e de fondo, o de sempre: manipulación e utilización dos medios públicos ao servizo do PP”, criticou Dacosta na súa conclusión.
También te puede interesar :
Otras noticias de esta sección:
Artículo más reciente :
Otras noticias recomendadas :
Los más populares hoy :
- Un falso Xornal de Galicia puede estar estafando a las instituciones de Galicia como es el caso de Mondariz en Pontevedra.
- Un juzgado de Instrucción de Ourense admite a trámite una querella criminal por DELITOS SOCIETARIOS contra Cosaga, Scanner Orense GRUPO HOSPITALARIO RECOLETAS SAU,etc.
- 9 de marzo, Día del Naturalismo gallego: Eva Cardenas y Feijóo los mayores delincuentes del litoral.