O alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, pretende pagar con cargos públicos unha nova canalización do río Portapego debido os constantes colapsos que sofre a rede de saneamento provocados polo depósito de lodos procedentes da mina de Touro.
O BNG denuncia a grave afectación que o macro proxecto da Mina de Touro tería sobre o abastecemento de auga nos concellos de Touro e O Pino que implicaría que o 10% da poboación quedaría sen este recurso básico.
A formación nacionalista trasladará esta cuestión ao Parlamento con interpelacións tanto á consellería de Industria como a Augas de Galiza a través do deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, quen alertou sobre esta cuestión en rolda de prensa xunto cos concelleiros do BNG en Touro Xoan Louzao e Sandra Breis.
Rivas foi moi crítico coa posición da Xunta en particular co hermetismo e a falta de información. “Quero denunciar que en relación ao proxecto da mina de Touro só hai silencios, silencios interesados como cando desde o propio concello se pide información que non se facilita”, salientou.
Segundo a documentación da propia empresa Cobre San Rafael, no concello de Touro vanse perder 150 metros cúbicos de auga por día, o que equivale a auga que abastece a 400 persoas, o 10% tanto no caso de Touro como no concello do Pino, onde desaparecería un depósito de abastecemento de auga, e todo porque unha empresa foránea quere facer negocio, denuncia o BNG.
As captacións de auga que quedarían eliminadas serían tanto de titularidade privada de particulares como da rede pública dos concellos de Touro e O Pino, dando lugar a unha perda de abastecemento que debería ser compensada polos propios municipios.
O BNG lembra que en 2017 o concello de Touro emitiu un bando instando a aforrar auga porque era insuficiente. “O problema agravarase se este proxecto da explotación mineira sae adiante porque ademais de cegar unha parte do abastecemento vai precisar inxentes cantidades de auga e terá que ser o concello quen compense estas perdas garantindo o subministro a través da rede pública municipal”, explicou Louzao.
A conclusión é evidente, alerta o Bloque, haberá un problema de abastecemento de auga nos concellos de Touro e do Pino. Por iso, a veciñanza máis directamente afectada participou nunha recollida de sinaturas que foron trasladadas a Augas de Galiza solicitando a preservación das súas captacións de auga de toda a vida, tanto as particulares como as municipais.
O Bloque tamén denuncia as mentiras que a empresa Cobre San Rafael plasma mesmo por escrito en documentos afirmando que existe un acordo co concello de Touro para contribuír economicamente á ampliación da rede de augas, algo que o Goberno local desminte.
A formación nacionalista considera que, dunha vez por todas, hai que dar un salto adiante e dar carpetazo definitivo a un proxecto mineiro que tería graves repercusións no só para os concellos de Touro e O Pino e que socialmente ten un rexeitamento maioritario.
Referencias; http://encontro.info/augas-de-galicia-tilda-de-lamentable-o-estado-do-rio-portapego-contaminado-pola-mina-de-touro/
Augas de Galicia tilda de “lamentable” o estado do río Portapego contaminado pola mina de Touro
- miércoles, 15 agosto 2018 08:56

O alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, pretende pagar con cargos públicos unha nova canalización do río Portapego debido os constantes colapsos que sofre a rede de saneamento provocados polo depósito de lodos procedentes da mina de Touro.
A asociación Aldea Viva ven de coñecer un informe de Augas de Galicia, no marco de exposición pública de dita obra, no que os técnicos sinalan o “estado lamentable do cauce natural do regato” como a principal causa dos continuos asolagamentos.
É por isto que o colectivo medioambientalista anuncia que presentará alegacións ás obras que pretende levar a cabo o concello rexido polo alcalde popular Codesido, xa que consideran que as arcas municipais non deben asumir os custos da desfeita medioambiental que levou a cabo a propietaria dos terreos da mina, Explotaciones Gallegas. Ademáis consideran que as actuacións propostas non solucionan o problema xa que os lodos mineiros seguirán atascando a rede.
Recordan que no mes de Xullo xa denunciaron o gasto de máis de 300000 euros por parte de diferentes administracións en intentar tapar o estado do río que pasa pola capital municipal.
O alcalde Ignacio Codesido e a súa relación coa mina de Touro
Os escándalos relacionados cos terreos mineiros propiedades de Explotaciones Gallegas (máxima accionista de Cobre San Rafael) denunciados por Aldea Viva, son numerosos e teñen todos un punto en común; a connivencia do alcalde de Touro.
Segundo narran todo comezou coa urbanización da actual área de servizos de Touro, e que supuxo a desaparición da canle perimetral, que evitaba a saída dos lixiviados da mina cara os ríos, e das balsas de decantación.
O silencio e a permisividade do alcalde permitiron os desastres medioambientais que se veñen sucedendo dende aquela, xa que a pesares do coñecemento da situación non denunciou en ningún momento as supostas ilegalidades senón que foi colaborador necesario das mesmas como demostran feitos como o desta nova.