Información
Noticia destacada de Galicia

Especialistas da Universidade e do CSIC desvelan que a fotosíntese mariña é máis sensible aos nutrientes que á temperatura

Información
Galicia 24 Mayo 2018 759 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Un equipo de científicos e científicas da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias do Mar (CSIC) de Barcelona acaban de facer públicos os resultados dun estudo no que desvelan que a fotosíntese mariña é mais sensible aos nutrientes que á temperatura. O estudo está liderado polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Emilio Marañón,

e acaba de ser publicado nunha das revistas do grupo Nature, The ISME Journal.

Un principio fundamental en bioloxía é que ao aumentar a temperatura acelérase a actividade metabólica, o que supón que os organismos captan e utilizan os recursos de forma máis rápida. De especial relevancia é determinar a relación entre temperatura e taxa metabólica en fitoplancto mariño, xa que estes microorganismos son o verdadeiro ‘motor verde’ do océano: realizan a metade de toda a captación de CO2 por fotosíntese que ocorre no planeta cada ano, e a súa actividade fotosintética non só sostén os recursos pesqueiros, senón que contribúe á regulación do clima. Neste novo artigo os docentes desvelan a resposta do fitoplancto á temperatura e no subministro de nutrientes.

“En condicións óptimas, con elevada dispoñibilidade de nutrientes, a taxa de fotosíntese do fitoplancto vese estimulada pola temperatura” explica Emilio Marañón, profesor da Universidade de Vigo e director do estudo, no que tamén participaron as investigadoras María Pérez Lorenzo e Beatriz Mouriño, do mesmo departamento. Isto levou ao equipo de investigadores a predicir que a actividade fotosintética do fitoplancto podería acelerarse no océano, que rexistrou en certas rexións un aumento de temperatura superficial de máis de 2° C nos últimos 100 anos. “O problema é que na maior parte das rexións oceánicas a dispoñibilidade de nutrientes, en especial de nitróxeno, é moi baixa, o que limita a capacidade do fitoplancto para crecer. Por iso é polo que decidimos investigar a resposta do fitoplancto á temperatura en condicións de limitación por nutrientes”, recalca o investigador.

A resposta ao quecemento variará xeograficamente no océano

Para comprobar o efecto interactivo de temperatura e dispoñibilidade de nutrientes sobre o metabolismo fitoplanctónico, o equipo de investigación mediu a fotosíntese e a respiración de tres especies cosmopolitas e moi abundantes no océano (unha cianobacteria, unha diatomea e un cocolitofórido) mantidas en cultivos de laboratorio baixo diferentes combinacións de temperatura e subministración de nitróxeno. Os resultados amosaron que tanto a fotosíntese como a respiración respondían fortemente ao aumentar a achega de nitróxeno, mentres que o efecto da temperatura era case inapreciable.

Estes resultados suxiren que a resposta do fitoplancto ao quecemento variará xeograficamente no océano. Como indica Pedro Cermeño, investigador do Instituto de Ciencias do Mar do CSIC en Barcelona e participante no estudo, “o aumento de temperatura terá un efecto estimulador en zonas produtivas, pero apenas afectará ao metabolismo fitoplanctónico en rexións con forte escaseza de nutrientes, que supoñen o 80% da superficie oceánica”. A resposta da produtividade biolóxica do océano aos procesos de cambio global estará dominada, segundo indican, polos cambios na achega de nutrientes máis que na temperatura.



Proyecto financiado por el Ministerio de Educación en el marco del programa Campus de Excelencia Internacional y por el Ministerio de Economía y Competitividad, dentro del Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica.

Otros articulos relacionados.....

Que teñen preguiza. Nunca quixeron traballar:  Denuncia; Envíanos los datos a holgazan@acciónytransparenciapublica.com     mais sobre preguiza..+