Ecoloxistas en Acción demanda a realización dun estudo radiolóxico como parte do preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental da explotación mineira en San Finx ante a redén elaboración dun estudio que confirma a presenza de uranio nesta mina.
Mentres que a actividade da mina xa debía terse sometido á avaliación de impacto ambiental por tratarse dunha explotación con presenza de sulfuros que provocan drenaxes ácidas de mina con elevadas concentracións de metais pesados, e por estar a menos de 1 km de varios núcleos de poboación, a presenza de uranio fai imprescindible que a mina sexa ademáis obxecto dun estudo radiolóxico que permita determinar os posibles impactos sobre o ambiente e a saúde das poboacións aledañas e das persoas traballadoras na propia explotación.
En realidade, a posible presenza de uraninita nas pegmatitas de San Finx xa fora apuntada nun estudo realizado en 1981 pola Comisaría da Enerxía e dos Recursos Mineirais do entón Ministerio de Industria, e que agora, 40 anos despois, confirma o estudo realizado no Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo.
A organización ecoloxista sinala que as concentracións de uranio non son suficientes para xustificar o seu aproveitamento comercial, que comezan a ser viables a partir de 40 ou 50 partes por millón (ppm), en San Finx as concentracións detectadas están por volta de 12 ppm. Pero alertan que si son o suficientemente elevadas para a necesidade de realizar un estudo radiolóxico como parte da avaliación de impacto ambiental que Ecoloxistas en Acción e numerosos colectivos veñen demandando desde fai anos.