- O tribunal atopa indicios suficientes que poñen en dúbida a vixencia da declaración de impacto ambiental do proxecto.
- O TSXG acolle a pretensión de ADEGA de paralizar cautelarmente o proxecto eólico Serra de Punago, promovido por Acciona Energía SAU, nos concellos de Baralla e Castroverde.
Santiago de Compostela, luns 29 de abril de 2024.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de emitir un Auto no que acolle a pretensión da asociación ecoloxista ADEGA de paralizar cautelarmente a executividade do proxecto eólico Serra de Punago, promovido por Acciona Energía SAU, nos concellos de Baralla e Castroverde. O Tribunal admite a petición de ADEGA ao entender que existen indicios suficientes de que a promotora eólica non acreditou o inicio material das obras do proxecto antes da data de vencimento da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), e que, polo tanto, esta podería estar xa caduca. Desde a entidade ecoloxista acóllese con satisfacción o Auto de paralización cautelar por canto outorga validez aos indicios de caducidade da DIA do proxecto Serra do Punago e evita que se podan exercer danos irreparábeis sobre o medio ambiente.
En maio de 2023, ADEGA solicitaba á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galiza a apertura do expediente de caducidade da declaración de impacto ambiental do proxecto eólico Serra do Punago, en aplicación do artigo 43 da Lei 21/2023, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, polo que se dispón que: “a declaración de impacto ambiental perderá a súa vixencia e cesará a produción dos efectos que lle son propios se, unha vez publicada no Boletín Oficial do Estado, ou o diario oficial correspondente, non se tivera comezado a execución do proxecto ou a actividade nun prazo de catro anos”. ADEGA constataba daquela que a empresa promotora non tiña iniciado as obras do parque eólico previamente á data de vencimento da DIA, xa prorrogada pola Xunta, e que tampouco contaba coa licenza municipal preceptiva para poder executalas, malia a ser condición sine qua non, segundo o establecido tamén pola lei de avaliación ambiental: “Entenderase por inicio da execución do proxecto, cando, unha vez obtidas todas as autorizacións que sexan esixibles, tivesen comezado materialmente as obras ou a montaxe das instalación necesarias para a execución do proxecto ou actividade e así conste á Administración”.
Ademais de non contar “con todas as autorizacións esixibles” pola normativa vixente para poder iniciar as obras do proxecto eólicos Serra do Punago, a promotora incumpriu boa parte do condicionado da DIA previo ao suposto inicio das obras. A empresa non tiña presentado na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o esixido plan de seguimento de avifauna e quirópteros nin o estudo ambiental dos impactos sinérxicos no que incluíse “todas as infraestruturas de evacuación”.
A Xunta dá por bo o inicio “ficticio” das obras e rexeita declarar a caducidade da DIA
Nun basto intento de manter a vixencia do permiso ambiental, Acciona Energía realizou unha representación ficticia do inicio das obras do proxecto eólico Serra do Punago. A empresa pretendeu acreditar diante da Xunta o inicio material das obras do parque eólico a cunha reportaxe fotográfica na que se observaban os traballos dunha pa escavadora na zona de afectación, realizados supostamente o 26 de maio de 2021, o último día da vixencia da DIA. Porén, ADEGA verificou que estes traballos correspondían realmente á eliminación da coberta vexetal onde se pretendía instalar a antena anemométrica, pero nada tiñan a ver co inicio das obras do proxecto eólico. Así mesmo, a empresa pretendeu acreditar ante a Xunta a existencia dun título habilitante municipal para a execución das obras coa presentación dunha licenza municipal que autorizaba unicamente a instalación da torre meteorolóxica.
A devandita reportaxe fotográfica foi rexistrada na Xunta un mes despois da data de vencimento da DIA e, curiosamente, como documento complementario a unha solicitude da empresa de paralización provisional das obras do parque eólico Serra do Punago “debido á imposibilidade de garantir o subministro dos aeroxeradores do proxecto aprobado”. Desde xeito, a empresa procuraba, por un lado, manter vixente a DIA de forma fraudulenta e, por outro, suspender indefinidamente a execución das obras do proxecto eólico.
Malia a todo, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética deu por boa a reportaxe fotográfica como documento acreditativo do inicio das obras e denegou a solicitude de ADEGA de incoar o procedemente de caducidade da DIA. Esta resolución foi recorrida en alzada pola asociación ecoloxista, resolvéndose finalmente por silencio administrativo, o que deu lugar á posterior interposición de recurso contencioso-administrativo e á solicitude da paralización cautelar do proxecto que se vén de acoller polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
O caso paradigmático do PE Serra do Oribio: a historia repítese…
ADEGA lembra o proxecto eólico Serra do Oribio (Iribio) como caso paradigmático no que se aplicou o mesmo modus operandi. A empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L., comezara as obras do parque sen a correspondente licenza municipal, e incluso, sen terse aprobado o proxecto definitivo, baixo a total conivencia da Xunta de Galiza. Este proxecto eólico foi declarado ilegal, primeiro polo TSXG, e despois polo Tribunal Supremo, a instancias dos recursos presentados por ADEGA e outras entidades ecoloxistas, mais os danos exercidos sobre o territorio, o espazo natural protexido ZEC Ancares-Courel, xa son irreparábeis. Con todo, nin a Xunta nin a empresa se responsabilizaron dos danos exercidos sobre o espazo natural, aos que probablemente teñamos que facer fronte finalmente o conxunto da sociedade galega cos nosos impostos.
Paradoxalmente, é agora Fergo Galicia Vento a que reclama á Xunta unha indemnización de 43 millóns de euros por ter recibido autorización para a execución dun proxecto eólico que resultou ser ilegal, como apuntabamos as organizacións sociaisdesde un comezo. É moi probable que os casos de Serra do Punago e Serra do Oribio non sexan illados, e que outras promotoras eólicas estean recorrendo a prácticas fraudulentas como as citadas para manter vixentes as DIA que están próximas á caducar. De constatárense novos casos de inicio fraudulento das obras, amparados pola Xunta, ADEGA non descarta acudir á vía penal e anima a outras plataformas e colectivos a manterse vixilantes para que non volva perpetrar tal fraude.